O 11 F, máis que nunca, Elas Fan CienTec na UVigo

A Universidade de Vigo volve sumarse á celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, cun amplo programa de actividades. Este martes as grandes protagonistas foron as 168 alumnas de Ensino Secundario Obrigatorio que participaron nos diferentes obradoiros organizados para elas baixo a denominación Elas Fan CienTec, toda unha serie de iniciativas artelladas por científicas e tecnólogas da Universidade de Vigo, coa colaboración da Unidade de Igualdade e a Unidade de Cultura Científica, co obxectivo de darlles a oportunidade de experimentar e ser as protagonistas por un día da Ciencia e da Tecnoloxía e de coñecer en persoa a mulleres da súa contorna que son referentes de primeiro nivel.

Houbo actividades no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, e nas tres escolas de enxeñaría no campus de Vigo. Na Escola de Enxeñaría Industrial foron recibidos pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, quen, xunto á subdirectora de Alumnado do centro, a enxeñeira Xanel Vecino, foron as encargadas de darlles a benvida. “Oxalá non houbese que celebrar este día, que houbese igualdade entre o número de mulleres e homes que estudan carreiras do ámbito tecnolóxico, pero a realidade non é esa, e por iso, mentres iso non aconteza, é importante que levemos a cabo todo tipo de actividades para facer visible o papel das mulleres nestes dous ámbitos”, subliñoulles Caparrini.

A vicerreitora explicoulles tamén neste acto de benvida que o obxectivo destas xornadas é dobre: por unha banda, facer visible o papel das científicas e tecnólogas, non tanto o das grandes pioneiras, “que tamén”, senón o das investigadoras que día a día se dedican “a facer un traballo dirixido a conseguir avances científicos e tecnolóxicos que melloran a vida das persoas”; e, pola outra, espertar vocacións científicas e tecnolóxicas, “que ningunha se quede sen estudar unha carreira científica ou tecnolóxica se é o que lle gusta ou lle apetece”.

Coñecendo de preto as enxeñeiras da EE Industrial

No caso desta escola participaron nos obradoiros 43 alumnas do IES Monte Carrasco de Cangas. Alí a celebración do 11F coincidiu, ademais, cun dos eventos máis importantes que acolle a escola cada dous anos, as Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, JAI 2025, nas que participan máis de 2000 asistentes e onde se pode visitar un showroom con 40 expositores, un evento no que as alumnas puideron  coñecer de preto varios exemplos de robots e autómatas e entrar en contacto directo coas principais firmas deste sector.

Ademais da visita ao showroom, as estudantes canguesas participaron tamén en diferentes actividades nas que tiveron a oportunidade de escoitar de primeira man o testemuño de preto dunha vintena de profesoras e investigadoras da escola que lles contaron a grandes liñas en que consiste o seu traballo, descubrindo, desta maneira, que detrás dos grandes avances científicos hai moitas mulleres, “cheas de dedicación, paixón e talento”, que rompen barreiras e abren camiños para o futuro da ciencia.

“Se vos apetece facer unha enxeñaría non deixedes de facelo, non vos deixedes levar polo que dirán, por ideas erróneas como que é un ámbito de homes ou que non ides ser capaces”, recalcoulles a vicerreitora, xeóloga de formación e docente na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, da que exerceu como directora. “Por suposto, hai que estudar, traballar e esforzarse, pero como en calquera outra titulación”, insistiu Caparrini.

Detectives de imaxes e robótica na EE de Telecomunicación

No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación recibiron a un grupo de case 60 alumnas do IES Castelao de Vigo. Divididas en dous equipos tiveron a oportunidade de visitar os laboratorio de Acústica e Procesado da Sinal e participar en dous talleres: Detectives de imaxes e Robótica con Cubesat. No primeiro explicóuselles como cada vez é máis frecuente atopar imaxes manipuladas que axudan a difundir información falsa por internet e como o procesado destas imaxes pode axudar a botar unha ‘ollada’ máis alo do que ven os nosos ollos e, “con sorte” , atopar inconsistencias que axuden a diferenciar o que é real do que non. Así as alumnas recibiron unha pequena introdución ao mundo da análise forense de imaxes, dándolles a oportunidade de explorar o funcionamento dalgunhas das ferramentas que existen para a detección deste tipo de manipulacións.

No caso do obradoiro de  Robótica con CuteBot as nenas recibiron unha clase na que  aprender a programar, desde o máis simple ata o máis complexo, desde seguir unha liña e avanzar evitando obstáculos ata prender automaticamente as luces en función da luz ambiental. 

‘Construtoras’ do muro máis resistente na EE de Minas e Enerxía

Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía participaron nos obradoiros Elas Fan CienTec un grupo de 28 alumnas do IES Ricardo Mella. Divididas en grupos participaron en catro talleres: The Wall, The Science Games: catching fire, taller de pinturas e minerais e un particular quebracabezas.

Entre as cousas que máis lle chamaron a atención estivo o obradoiro The Wall, unha competición grupal para construír o muro de terra armada máis resistente, pero tamén The Science Games, unha xincana sobre os principais conceptos da combustión e as súas aplicacións, incluíndo unha parte máis interactiva con distintos experimentos. A maiores, no quebracabezas mineral-metal-aplicación o reto foi relacionar o mineral do que se extraen diferentes metais que logo se utilizan en aplicacións que lle son familiares no seu día a día.

Experimentando nos laboratorios do CINBIO

Desde o ámbito científico, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, abriu neste día as súas portas a un grupo de 38 alumnas de 3º e 4º da ESO do IES Santa Irene de Vigo, que puideron experimentar a través de oito obradoiros deseñados especificamente para elas.

Déronlles a benvida Margarita Vázquez e Begoña Puértolas, investigadoras que coordinan a actividade neste centro e, a partires de aí, comezou o percorrido polos laboratorios. No Laboratorio de Enfermidades Raras exerceron de detectives cromosómicas; en FunNano Bio, participaron na preparación de nanopartículas de ouro e a súa aplicación na detección de antíxenos mediante test rápidos; no de Nanomateriais  Híbridos traballaron na síntese de nanopartículas magnéticas e na comprobación das sus propiedades, e en TeamNanoTech, achegáronse á simulación de encapsulación de fármacos.

Completaron o percorrido co grupo Biomimat + Física e Química de Materiais, onde comprobaron como a luz  interacciona coa materia; co equipo CellCOM aprenderon a extraer ADN de froitas; con Neurocircutis descubriron neurocircuitos fantásticos e onde atopalos ,e no taller CelulArte, practicaron o procesamento de tecidos e frotis de sangue.