Nova edición de Ícarus, con premios para teses de doutoramento e Traballos de Fin de Grao e de Mestrado

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela (AVTE) lanza unha nova edición do programa Ícarus, unha iniciativa para favorecer a aplicación social e económica do coñecemento contido nos traballos de teses de Doutoramento e Fin de Grao (TFG) e Mestrado (TFM) do estudantado da USC.

Ícarus 25, que estende o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril, diríxese a membros da comunidade universitaria dos campus de Santiago e Lugo que realizasen a defensa da tese de doutoramento ou dos TFG ou TFM nos dous últimos anos académicos, que finalizasen antes do 21 de abril de 2025 e que resultasen coa cualificación mínima de aprobado.

A dinámica do programa inclúe unha sesión de formación impartida pola AVTE dirixida ás persoas finalistas, enfocada a explicar as claves necesarias para unha presentación e defensa eficaz dos seus traballos ante o xurado, que está prevista na primeira quincena de xuño, en datas que se comunicarán previamente.

Os premios concédense en cinco categorías, unha por cada grande área de coñecemento, e cada unha delas con premios diferenciados para teses de Doutoramento e TFG/TFM. As teses teñen unha dotación de 1.000 euros para o primeiro premio e 500 para o segundo, mentres que nos TFG/TFM establécese un primeiro premio de 800 e un segundo de 400 euros. 
 

Cartel da edición 2025 de Ícarus
Cartel da edición 2025 de Ícarus