Nova edición das xornadas de orientación profesional para estudantado e persoas recén egresadas da USC

Entre os días 22 e 24 de abril terán lugar en Santiago as Xornadas de Orientación Profesional que organiza a Área de Orientación Laboral e Emprego da USC co fin de preparar o estudantado dos últimos cursos e as persoas recén tituladas para a súa incorporación ao mundo laboral. Esta actividade desenvolverase proximamente tamén no Campus de Lugo.

As sesións desenvolveranse de forma presencial nas Facultades de Dereito e Bioloxía, con varias actividades independentes entre si e para as que hai que facer inscrición previa de maneira gratuíta e ata completar a capacidade do espazo.

As xornadas comezarán na mañá do 22 en Dereito coa charla ‘Buscando oportunidades de prácticas’. Xa o día 23 na Facultade de Bioloxía terán lugar as sesións ‘IA para a busca de emprego’ e ‘Adestra para a túa próxima entrevista’. Tamén Bioloxía será o centro no que se desenvolvan as charlas do día 24 ‘3 estratexias para potenciar as competencias profesionais’ e ‘Linkedin como ferramenta para a busca de emprego’.

Para máis información, as persoas interesadas deben dirixirse a Área de Orientación Laboral da USC orientacion.laboral [at] usc.es (orientacion[dot]laboral[at]usc[dot]es) ou no teléfono 8818 12850.