O Proxecto Nós, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia e desde 2023 financiado a través de fondos PERTE-Next Generation, está a levar a cabo unha recollida de datos de voz en galego a través da plataforma Common Voice e as persoas responsables queren facer un chamamento ao estudantado para que contribúa co proxecto a cambio de créditos optativos.
O propósito é dotármonos de recursos de tecnoloxía da fala en galego para garantir a comunicación con máquinas ou con outras persoas a través de máquinas, algo especialmente importante na era da Intelixencia Artificial.
O galego está entre as primeiras dez linguas en Common Voice en canto ao número de frases recollidas, principalmente grazas á achega dun gran volume de frases por parte do Proxecto Nós. Tras o lanzamento da fase inicial da campaña de recollida de voces hai xa case un ano, hoxe disponse de arredor de 300 horas de voces. Non obstante, o obxectivo está fixado en máis de 1.000 horas de gravación, para o que son preferibles as contribucións de usuarios que non fan achegas puntuais, senón constantes, tal e como sinalan os responsables do proxecto.
De aí que, coa fin de obter a maior cantidade de datos, se acordase o recoñecemento con créditos optativos por actividade a aquel estudantado que participe tanto na recollida da súa propia voz como nas tarefas de verificación das mensaxes doutras persoas usuarias.
Requisitos
Para participar, a persoa falante de galego debe entrar na plataforma a través de calquera dispositivo conectado á Internet (ordenador con micrófono e sistema de reprodución de son, teléfono móbil etc.), ler unha serie de frases proporcionadas e ademais escoitar e validar as frases gravadas por outras persoas. Para que o alumnado da USC poida equivaler a súa actividade cun crédito deberá colaborar con 25 horas de gravación de voz e de validación de fragmentos xa gravados.
O seguimento da actividade das persoas participantes faise a través do seu perfil de usuario/a e da clasificación que fai automaticamente a plataforma. Para a xustificación da súa contribución cara á obtención do crédito de libre configuración, o estudantado participante terá que optar por estar visible na clasificación e desta forma poderá tomar unha captura de pantalla que mostre o número de fragmentos cos que contribuíu a Common Voice, tanto gravados como validados.