Mutacións mitocondriais e restrición calórica, novo achado do CiMUS para un envellecemento saudable

Santiago de Compostela

Comprender mellor o envellecemento desde o punto de vista científico para atopar fórmulas que permitan gozar dunha vida máis saudable é un dos obxectivos do grupo MitoPhenomics Lab do CiMUS da USC. O equipo liderado por Aurora Gómez Durán colabora nunha investigación internacional, co financiada con fondos europeos, na que se proba que unha das explicacións ao envellecemento podería estar na central enerxética das nosas células, en concreto nas mutacións crípticas mitocondriais, un tipo de alteración rara e escondida no ADN que non é facilmente detectable nunha análise xeral e, por tanto, pouco estudiada ata agora. O estudo, que acaba de publicar Nature Comunications, revela ademais que a restrición calórica pode lentificar a acumulación destas mutacións ocultas.  

O papel oculto das mutacións mitocondriais
O envellecemento é un proceso complexo que vai da man de enfermidades crónicas e cambios no noso organismo. Un dos factores clave é a disfunción mitocondrial, un problema nas “centrais enerxéticas” das nosas células. Investigacións realizadas ata o momento neste campo en ratos cun aumento artificial de mutacións no seu ADN mitocondrial mostraron signos de envellecemento acelerado. Pero hai un aspecto do envellecemento que pasou case desapercibido: as mutacións crípticas. Trátase de alteracións raras e ocultas no ADN mitocondrial que se producen en células individuais.

“A nosa investigación revela que estas mutación crípticas son, de feito, as máis comúns nos tecidos avellentados que xa non se dividen. Estas alteracións logran esquivar os mecanismos naturais de defensa do organismo, acumulándose lentamente ata alcanzar niveis elevados na mediana idade ou nas últimas etapas da vida”, explica a investigadora do CiMUS da USC, Aurora Gómez.

“Descubrimos, continúa, que estas mutacións están estreitamente relacionadas con varias características do envellecemento, como o mal pregamento de proteínas e o estrés celular no retículo endoplásmico (RE), un «órgano celular” clave no interior das células. Ademais, os nosos experimentos confirman que este tipo de mutacións contribúe ao estrés do RE”, comenta a investigadora.

Un dos aspectos máis “prometedores” do estudo é que descubriron que a restrición calórica —unha estratexia recoñecida polos seus efectos antienvellecemento— pode lentificar a acumulación destas mutacións ocultas. Estes achados abren unha nova fiestra para comprender mellor o envellecemento e explorar formas de promover unha vida máis longa e saudable.

Clave tamén para o estudo das enfermidades neurodexenerativas
A disfunción mitocondrial está implicada en enfermidades neurodexenerativas como Parkinson e Alzheimer. “Neste estudo observamos tamén que as células cerebrais envellecidas con altos niveis de mutacións crípticas mostraban signos de neurodexeneración”, sinala.

Trátase dun achado importante que permitirá ao CiMUS seguir avanzando tamén nas súas investigacións en Neuroloxía dentro do seu programa de Medicina Molecular xa que como poñen de manifesto as conclusións deste estudo a presenza de mecanismos comúns e interaccións entre enfermidades crónicas como cancro, neuroloxía, e tamén obesidade e cardiovascular, permiten unha abordaxe interdisciplinar para ser abordadas dunha maneira óptima a través da interacción dos diferentes grupos de investigación deste programa.