A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, presentou este venres 7 a programación cultural da USC no Campus de Lugo para os vindeiros meses, nun acto que tivo lugar no Pazo de Montenegro. Música, faladoiros, teatro, danza, audiovisual, fotografía e actividades formativas nutren o programa co que a USC quere conectar a actividade cultural da Universidade de Santiago de Compostela co estudantado pero tamén coa cidadanía lucense no seu conxunto e que forma parte da Primavera Cultural da USC que se presentará o vindeiro luns 10. Tamén interviñeron na sesión a deputada provincial de Cultura, Iria Castro Fernández, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro. Parte da programación de actividades culturais promovidas pola USC na sede universitaria luguesa desenvólvese ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento do Concello e da Deputación de Lugo.
“Esta é unha programación cultural cun claro compromiso coa formación”, sinalou Pilar Murias. A vicerreitora destacou tamén o feito de que as actividades culturais da USC teñen “a vocación de ir máis alá da comunidade universitaria”, así como dar pulo á “creación emerxente”. Maite Ferreiro, pola súa parte, destacou “a mestura entre estudantado e veciñanza” que xera a Cultura, mentres que Iria Castro puxo o foco na innovación e nas “cousas novas para buscar actividades de lecer” que ofrece a sinerxía entre institucións.
Música
Un dos ciclos musicais máis consolidados na capital lucense e que se define polo seu apoio á música galega actual, o ‘Lubicán’, reverdecerá nos vindeiros meses grazas ás actuacións da Banda da Loba (19 de febreiro), Eris Mackenzie (13 de marzo) e Maricarme (10 de abril). As tres actuacións terán lugar na Praza de Santa María, ás 20.15 horas, pero en caso de choiva trasladaríanse ao Auditorio de Veterinaria. Pero antes, o vindeiro 14 de febreiro, será a quenda do ‘Lubicán Íntimo’ que albergará a actuación de Su Garrido Pombo e Marco Maril, na Casa do Saber, ás 20.30 horas. Tamén no marco do ‘Lubicán Íntimo’ actuarán Abril (28 de marzo) e 9 Louro (3 de abril). Como actividade complementaria, desenvolveranse encontros entre artistas e estudantado preuniversitario de centros de ensino medio na Casa do Saber. O mesmo 14 de febreiro, ás 13.00 horas, será a quenda de Su Garrido Pombo, quen abrirá este ciclo de citas nos que a mocidade entra en contacto directo coas persoas protagonistas do panorama musical.
O ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ tamén regresa neste 2025 coa actuación da Coral ‘Lucus Terra’ do IV Ciclo da USC, o 10 de marzo, ás 20.00 horas, na Casa do Saber. Ademais, a Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela visitarán o Auditorio Fuxan Os Ventos da capital lucense, o 27 de abril, ás 19.00 horas. A todas estas iniciativas, hai que sumar ‘Na Calzada’ que abre a recepción de propostas musicais dende o 10 de febreiro ata o 7 de marzo. Este é un programa que dá cabida a novos talentos musicais, xa consolidados ou en fase de formación, a fin de que poidan presentar a súas respectivas creacións.
Formación
A programación cultural da USC no Campus de Lugo en materia formativa xa está en marcha con ‘Preparando… Paisaxe Sonora, Videocreación, Findecurta’, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata unha semana antes do inicio de cada un dos tres módulos que a integran. O módulo 1 denomínase ‘Laboratorio Sonoro: Técnicas de gravación, software e creación de Paisaxes Sonoras’ e terá lugar os días 14 de febreiro, de 16.00 a 21.00 horas, e 16 de febreiro, de 9.00 horas a 14.00 horas. ‘Sementando Videoarte’ é o título do módulo 2 que se desenvolverá o 21 de febreiro, de 16.00 a 21.00 horas, e o 23 de febreiro, de 9.30 a 14.30 horas. Finalmente, o módulo 3, ‘Cine de Guerrilla: Crea Cine Sen Límites’ terá lugar o 14 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas e o 15 do mesmo mes, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Arturo Vaquero (módulo 1), Carmen G. P. Granxeiro (módulo 2) e Bruno Máez (módulo 3) serán as persoas relatoras no marco desta actividade.
Tamén dende este venres 7, xa é posible solicitar praza nos Encontros Fotográficos que traerán á cidade de Lugo a ollada de Paula Quiroga Rodríguez (7 de marzo), Cata Rego (21 de marzo), Tono (22 do mesmo mes), Vicente Fraga (28 de marzo) e Jesús Madriñán (4 de abril). Ademais, o primeiro encontro do Grupo Fotográfico do Campus que se basea nun acompañamento titorizado das persoas participantes, terá lugar o 24 de abril. As inscricións e dúbidas canalízanse a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal) ou nos teléfonos 982 82 15 13 / 982 82 15 11.
Foros
Os Encontros de Lúa Chea, coloquios distendidos que dende a cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, serven para profundar e debater en temas de actualidade, tamén agromarán neste 2025. Así, e grazas ao pulo do colectivo Proxéctate en Galego, abordaranse cuestións como a agricultura en Palestina (26 de febreiro), urbanismo e acceso á vivenda (12 de marzo), Franco 50 anos despois (2 de outubro) ou 15 anos do decreto do Plurilingüísmo (29 de outubro). Todos os encontros botan a andar ás 19.00 horas.
A palabra tamén será a protagonista no Curso de Primavera ou no Microaberto que terá lugar na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, o día 23 do mesmo mes, e no que as persoas participantes teñen a liberdade de intervir con aqueles textos, monólogos ou poemas, entre outras modalidades expresivas, que teñan interese de presentar ante o público.
Teatro e danza
O 2 de abril, a Compañía de Teatro USC-Lugo subirá o pano da súa última obra, Alicia wants to, no Auditorio Gustavo Freire; mentres que o 11 de abril, na Casa do Saber, será a quenda da Compañía Vaites Vaites IV Ciclo con Cara de Leoparda. Ademais, do 2 de abril ao 11 do mesmo mes terá lugar o Festival de Teatro Universitario, mentres que o Encontro de Danza Universitario desenvolverase do 8 ao 10 de maio. A cita con EscaparArte será o 5 de abril.
Imaxe
Do 21 ao 25 de marzo, chegará unha nova edición do certame audiovisual Findecurta, cuxa inscrición poderá formalizarse do 5 ao 19 de marzo. A proxección dos traballos e a entrega de premios terá lugar o 25 de abril no Auditorio da Facultade de Veterinaria. Ademais, a mostra correspondente ao XXX Maratón Fotográfico do Campus poderá visitarse na Biblioteca Provincial de Lugo dende este venres 7 e ata o 26 de febreiro. Xa no outono, chegarán novas actividades, moitas delas xa consolidadas na axenda cultural lucense, como Paisaxe Sonora, Videocreación, ou unha nova edición do Maratón Fotográfico, entre outras.