Mulleres á Fronte impulsa un diagnóstico sobre as eivas coas que se atopan as migrantes nas artes escénicas de Galicia

Lugo

A potencialidade das expresións artísticas como ferramenta de transformación social é a premisa sobre a que se asenta o proxecto de investigación, intervención e acción participativa ‘Mulleres á Fronte dende o Sur Global’, que parte das experiencias desenvolvidas polas batucadeiras en Cabo Verde e das comunidades de mulleres migrantes implicadas nas artes escénicas en Galicia, abrindo un diálogo de saberes e experiencias compartidas. Este traballo é froito de Mulleres á Fronte, un colectivo no que ademais da antropóloga e profesora da USC na Facultade de Humanidades, Luzia Oca González, participan as investigadoras Keina Espiñeira, Belén Fernández Suárez, Sarah Lamas, Antía Pérez Caramés, Estefanía Tarrío Maneiro e Iria Vázquez Silva. 

Esta iniciativa liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, en asociación con Ecos do Sur, impulsa un diagnóstico sobre as mulleres migrantes nas artes escénicas de Galicia, as experiencias compartidas e propostas de intervención, que será presentado este domingo 10. A xornada que se desenvolverá na sala de exposicións da Deputación de Lugo, servirá para dar conta das achegas recollidas entre un grupo de 16 mulleres migrantes en Galicia para afondar nas eivas coas que se atopan pero tamén nas súas potencialidades de futuro. O acto acollerá a presentación do ‘Directorio de mulleres migrantes artistas en Galicia’, coa participación dalgunhas das súas integrantes e que está conformado por 32 proxectos, algúns individuais e outros colectivos; e do ‘Arquivo Dixital do Batuko de Ribeira Grande de Santiago (Cabo Verde)’. 

“Trátase dun grupo heteroxéneo tanto en idade, lugares de orixe, condicións dos procesos migratorios, acollida no lugar de destino, redes e disciplinas artísticas”, explica a profesora da USC Luzia Oca González, en referencia ao diagnóstico, cuxos resultados preliminares serán abordados na sesión. O documento recolle as “pedras que se atopan no camiño”, tales como dificultades burocráticas, racismo, desvalorización dos seus procesos creativos, ou mesmo “a censura dos corpos migrantes en escena e na produción artística”. A profesora Oca subliña tamén que existe unha certa “autolimitanción creativa para encaixar no molde que se agarda para elas”. 

Mostra

A xornada que botará a andar ás 11.30 horas e que é de acceso aberto ata completar a capacidade do espazo, servirá de marco para a inauguración da exposición fotográfica ‘Coidados na Diáspora’, unha autoetnografía fotográfica de mulleres caboverdianas en España, que foi financiado polo Instituto das Mulleres e coordinada por Keina Espiñeira. 

Mulleres á Fronte inspirouse na experiencia do grupo de mulleres de orixe caboverdiana ‘Batuko Tabanka’ de Burela, e na potencialidade do xénero musical do batuko, tradición cultural na illa de Santiago, onde existen decenas de grupos de mulleres unidas pola súa práctica. “O propio nome é unha chiscadela de ollo á famosa expresión ‘Girls to the front!’, coa que cristaliza o movemento de punk feminista riot grrrl durante os anos noventa, unha chamada a que as mulleres ocupen os escenarios e a parte frontal nos concertos, de onde en tantas ocasións tiñan sido apartadas e desprazadas”, explica Luzia Oca González. A investigadora coordina na USC este proxecto que tamén conta coa participación de UDC e UVigo. Estas experiencias están a servir como referencia para identificar entre o colectivo de mulleres migrantes en Galicia, aquelas relacionadas coa creación e transmisión musical e outras artes escénicas.

“Trátase dunha investigación aplicada en materia de cooperación ao desenvolvemento que pon o foco nas mulleres vinculadas coa música e outras artes escénicas, con base na potencialidade das artes en canto ferramentas de intervención para a transformación social”, explica a profesora Oca González. Con este horizonte, o proceso investigador trazou un “mapeamento” que se desenvolveu en simultáneo en Cabo Verde e Galicia. Deste xeito, creouse unha base de datos de grupos de batukadeiras nas localidades do municipio de Ribeira Grande de Santiago, ao tempo que en Galicia, se realizou outro rexistro de mulleres migrantes implicadas na música e outras artes escénicas, para crear unha cartografía que as identifique e recolla as súas experiencias e propostas. O obxectivo xeral do proxecto consiste en desenvolver, a partir dunha investigación participativa, unha ferramenta metodolóxica aplicada para a intervención en materia de igualdade de xénero a través das expresións artísticas con mulleres migrantes.

A xornada de presentación de resultados abarcará tamén unha representación teatral do grupo de teatro de mulleres de Ecos do Sur, e a actuación do Grupo Batuko Tabanka, de Burela. O proxecto conta co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.