A curta Morriña, de Daniel Sabucedo Sequeiros, resultou a gañadora do I Premio de Curtametraxes da Cátedra Iberoamericana, que nesta primeira edición tiña que tratar a realidade emigrante das mulleres galegas a través dunha institución simbólica como o Hospital Hijas de Galicia da Habana que acaba de celebrar o seu 100 aniversario.
O acto de entrega tivo lugar na Facultade de Ciencias económicas e Empresariais e nel proxectáronse as catro curtas que optaban ao premio: Un futuro para elas, de Carlos Estraviz Cereijo; María non chores máis, de Angela Paola Nieto Guarín e Rodrigo Álvarez Nosewicz; Más allá de la censura de Mencía López González e Morriña de Daniel Sabucedo Sequeiros.
O xurado estivo composto polo guionista Roberto G. Méndez, o actor Antonio Mourelos e a xornalista María Xosé Porteiro, especialistas do eido audiovisual e da realidade emigrante galega en América. Os tres salientaron a dificultade na elección da curta gañadora debido á orixinalidade e calidade de todas elas, mais finalmente o galardón foi para Morriña.
A directora da Cátedra, María Cadaval, fixo tamén fincapé na calidade das curtas e animou ao estudantado asistente a presentarse na vindeira convocatoria destes premios. Ademais, agradeceu a participación dos membros do xurado así como de Nuria García na organización co ánimo de que estas actividades continúen a fortalecer a conexión de Galicia coa realidade iberoamericana.