Milleiros de estudantes de ensino medio coñecen de primeira man a USC

Milleiros de estudantes de ensino medio de toda Galicia visitan Compostela esta semana para coñecer de primeira man os centros docentes da USC e os graos que se imparten en cada un deles. Os Encontros na Zona USC, que ano tras ano incrementa o número de participantes, volven ser unha oportunidade magnífica para que o alumnado preuniversitario coñeza as aulas, laboratorios e outros espazos dos centros nos que se imparten os graos da súa preferencia.

Neste curso están inscritos nestes Encontros máis de 5300 estudantes de 102 centros de ensino medio de Galicia, o que supón un incremento con respecto ao curso anterior, e que consolida tamén o aumento de participación de centros que tamén se producira no curso pasado.

Ao longo destes catro días en Santiago (estes Encontros trasládanse a Lugo os vindeiros 25 e 26 de febreiro) e de acordo coas súas inquedanzas formativas, cada estudante elixe os centros que desexan coñecer. Será estudantado universitario quen dirixa a visita polo campus e lles traslade as súas vivencias na USC.

As visitas están estruturadas en 17 percorridos, ben no Campus Norte ou no Sur, establecidos en función da semellanza das temáticas dos graos que se ofertan nos centros.

Ao longo desta semana visitarán a USC máis de 5.000 estudantes preuniversitarios. Foto: Santi Alvite
Ao longo desta semana visitarán a USC máis de 5.000 estudantes preuniversitarios. Foto: Santi Alvite