Mensaxe de fin de ano do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2024

É fin de ano e nas universidades galegas reina o silencio. Neste Pazo de Fonseca hoxe non se escoitan nin sequera os pasos dos estudantes que están aproveitando as últimas horas antes das uvas para repasar os apuntes dos exames de xaneiro.

Á volta destes días, tanto as universidades coma os centros de formación profesional, institutos e colexios volverán encherse de vida, con decenas de miles de mozas e mozos, rapazas e rapaces que o dan todo para facer realidade os seus soños e as súas esperanzas.

Queremos que todos eles atopen cada vez menos obstáculos no camiño para converterse naquilo que queren ser. Por iso, desde este ano todos os estudantes que aproben poden matricularse gratis nunha universidade galega. Se hai vocación, se hai talento e se hai esforzo, a capacidade económica da familia non debe ser xamais un obstáculo para facer unha carreira.

E para quen prefira a Formación Profesional, Galicia ofrece tamén máis posibilidades que nunca, desde a FP Dual con prácticas en empresas ata os mestrados ou títulos de alta especialización. Os datos récord evidencian que cada vez son máis as galegas e galegos de todas as idades que optan con orgullo por facer un ciclo.

A educación é clave para o progreso dun país: abre portas, reduce diferenzas sociais e multiplica oportunidades para crecer. Centos de visionarios ao longo dos séculos tivérono claro e fundaron institucións destinadas a difundir o coñecemento. A nosa mellor forma de renderlles homenaxe é que hoxe, en Galicia, todas as etapas educativas sexan totalmente gratuítas, desde que entramos á escola infantil ata que rematamos un grao ou un ciclo cun título debaixo do brazo.

En Galicia nunca fomos unha terra compracente nin conformista. Non somos de enviarlles cartas aos Reis Magos e esperar sentados a que os desexos se cumpran: ao contrario, somos de traballar e implicarnos para conseguir os obxectivos que nos marcamos.

Aquí en Galicia utilizamos o autogoberno para mellorar a vida da xente, desde o litoral ata o interior de Galicia, e sempre dentro do marco da Constitución e co obxectivo do ben común.

Estamos na Biblioteca América, que foi o soño dun emigrante que se propuxo reunir aquí en Galicia unha mostra da cultura do novo continente. E agora, 120 anos despois, a pegada dos nosos antergos segue estando presente por todo o mundo e é unha parte esencial da identidade e da historia de moitos países.

Hai un pouco de Galicia en todas partes, e tamén hai moito de todas partes aquí en Galicia. Nós xamais fomos unha terra pechada en si mesma: sempre estivemos dispostos a integrarnos en sociedades que nun principio nos eran alleas, e tamén a permitir que persoas chegadas de moi lonxe contribuísen ao noso progreso.

Nas comidas e nas ceas do Nadal de moitas casas galegas escóitanse diferentes acentos e historias ás veces de moi lonxe. A mesa é o imán que reúne ás familias, que trazan o mapa desta Galicia universal. E tampouco por suposto esquecemos aos que, por unhas ou outras causas, están a quilómetros de distancia e teñen que xuntarse por videochamada. Que saibades que, aínda que nesta ocasión non poidades brindar en persoa, sentimos que estades moi preto de nós.

E os reencontros por suposto non poden ser algo só reservado a estas datas. Por iso dispoñemos dunha Estratexia Retorna que abre as portas e ofrece todas as facilidades aos galegos do exterior que desexedes volver á casa. E tamén recibimos cos brazos abertos a todos os que queiran coñecernos e desfrutar da nosa terra. Iso si, sempre que o fagan co máximo respecto. Como o están facendo, é certo, a inmensa maioría dos millóns de persoas que nos visitan, e que están cada ano batendo récords.

E hai, como sempre houbo e sempre vai haber, galegos que queiran construír o seu futuro máis alá das nosas fronteiras. Moitos acabarán volvendo e desde logo todos deixarán testemuña de Galicia alá onde vaian. Que saibades que esta nunca deixará de ser a vosa casa.

Marchar fóra pode ser unha opción, pero xamais debe ser unha obriga, como tivo que selo para moitas xeracións de galegos noutras etapas da nosa historia. Aquí ten que haber sitio para todos os tipos de vida, para todas as ilusións e para todas as lexítimas ambicións de prosperar.

Pero para iso é necesario que en Galicia haxa postos de traballo de calidade e ben remunerados, e en todos os sectores. Temos unha posición estratéxica, somos o balcón do Atlántico e a atalaia cara a América, e temos que aproveitalo. Aquí hai recursos naturais, temos moitísimo talento, temos infraestruturas e solo industrial para os proxectos que queiran asentarse aquí en Galicia, e que por suposto terán que respectar o noso medio ambiente e a nosa contorna.

As mozas e mozos que hoxe están estudando teñen que poder atopar aquí unha empresa que estea disposta a contratalos. E se se animan a emprender, deben contar con todas as facilidades para abrir aquí o seu negocio, o seu proxecto. Así é como se constrúe a Galicia do futuro.

E tamén deben atopar aquí un fogar en condicións, porque ese é o punto de partida para calquera proxecto vital. Desde logo é moi duro que xente de todas as idades, pero especialmente os máis novos, teñan que falar de vivenda desde a preocupación e non desde a ilusión de poder chegar a ela. Ofrecer solucións debe estar entre os propósitos de Aninovo de calquera Administración.

Por suposto, a Xunta ten que seguir traballando para que no Nadal de 2028, dentro de apenas catro anos, haxa o dobre de vivendas públicas das que existen actualmente, e que nesas vivendas se poida poñer unha árbore, un Belén, o que cada un queira poñer por estas datas.

E tamén para encher de vida e de alegría todos os fogares de Galicia e que todas as persoas que queiran poidan ter fillos hai que axudalos a superar todas as barreiras, tanto médicas como económicas, de conciliación, calquera que poida separalas desa meta tan desexada.

Ao facer balance do ano que rematamos, é obrigado recordar ás persoas que sufriron a catástrofe de Valencia, especialmente, en primeiro lugar, ás que perderon un ser querido, pero tamén ás que perderon a súa casa ou o seu negocio. Galicia vai seguir estando cos valencianos agora tamén, na recuperación.

E tamén envío unha forte aperta a todas as persoas para as que o Nadal non é sinónimo de alegría pola razón que sexa: porque padecen unha enfermidade, porque se senten soas ou porque alguén querido xa non está con elas. E tamén ás persoas que todos os días do ano coidan a un familiar dependente, cunha implicación e cun cariño que non coñece de límites nin vacacións. O afecto e o apoio de toda Galicia está especialmente convosco.

En 2024 a nosa comunidade escolleu o camiño polo que quería seguir avanzando. Tócanos agora aos representantes públicos que fomos elixidos cumprir coa vontade da xente, e seguir facendo de Galicia unha excepción de serenidade, unha excepción de responsabilidade e unha excepción de altura de miras.

En 2025 seguiremos demostrando do que somos capaces. Cada galega e cada galego que abre pola mañá a reixa do seu negocio, que coida aos que máis apoio necesitan, que dá o mellor de si no seu posto de traballo ou que contribúe a formar aos cidadáns do mañá son exemplo do que somos: unha terra que non ten máis límites que os que consintamos en poñernos. Seguiremos avanzando ao noso estilo.

Deséxovos a todas e todos un feliz e venturoso Aninovo que estea cargado de ilusións, de retos e do cariño dos vosos.

Deja un comentario