Bande (Ourense), 13 de xuño de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe na inauguración da LIV Festa do Peixe de Bande, unha festividade declarada de interese turístico de Galicia que se celebrará ao longo desta fin de semana na localidade ourensá.
O director da axencia puxo en valor que os eventos gastronómicos nos diferentes concellos galegos constitúen unha oportunidade para a promoción dos nosos produtos que contan cun selo de calidade diferenciada, tales como denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, agricultura ecolóxica ou artesanía alimentaria.
Así, nesta festa do Peixe de Bande mañá sábado organízase un mercado doce de artesanía alimentaría, no que sete operadores inscritos ofrecerán os seus produtos. Deste xeito, poderán degustarse tortas, galletas, cremas, biscoitos ou chocolates, co que se promocionarán este tipo de produtos elaborados de xeito artesán.
Neste mesmo sentido, o director quixo poñer tamén en valor a calidade das producións agroalimentarias galegas, pola que son recoñecidas tanto dentro da nosa comunidade como fóra dela, e así trunfan en eventos como este de Bande e tamén en diferentes feiras e certames nacionais e internacionais.