Ferrol, 25 de xuño de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ferrol na presentación do campionato de España subjunior de powerlifting Cidade de Ferrol que se desenvolverá os próximos días 28 e 29 de xuño no Polideportivo do Ensanche. Está organizado polo Club Power Fénix Galicia e conta coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte.
Neste campionato nacional subjunior están inscritos preto dun centenar de participantes, dos cales trinta son rapazas, con idades comprendidas entre 16 e 18 anos. No desenvolvemento desta competición disputaranse as tres modalidades do levantamento que forman parte do powerlifting: squat (sentadilla), press de banca e peso morto, en cada categoría de peso corporal, en masculino e feminino.
Durante a presentación que contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey, Aneiros destacou “a oportunidade que supón esta proba de cara á proxección da cidade e da nosa comarca dada a presencia dun número importante de deportistas que se darán cita en Ferrol procedentes de distintos puntos da xeografía nacional como Madrid, Toledo, Navarra, Canarias…”, sinalou.
Ademais reiterou o compromiso da Xunta pola promoción do deporte galego e o apoio a eventos deste tipo “que non só dinamizan a nosa comarca, senón que tamén nos permiten compartir co mundo o mellor de Galicia”, asegurou. Por último, animou aos participantes a gozar da proba e “sentirse gañadores”, independentemente do resultado que acaden.