A Universidade de Santiago de Compostela investiu este venres doutora e doutor honoris causa a María Teresa Soler Roch, catedrática de Dereito Financeiro e Tributario na Universidade de Alacante, e Duarte Nuno Vieira, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Coimbra, nunha cerimonia académica celebrada no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidida polo reitor Antonio López.
O acto, que tivo unha concorrida asistencia de público e autoridades e cunha comitiva de case un centro de docentes togados, contou ademais coa asistencia da reitora da Universidade de Alacante á que pertence a profesora Soler, Amparo Navarro Faure, e da vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC, Sonia Vázquez Díaz, e da secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella. Na cerimonia actuaron como padriños de Soler Roch e Nuno Vieira os tamén catedráticos César García Novoa e Ángel María Carracedo Álvarez, respectivamente.
No seu discurso, o reitor mostrou a súa satisfacción e orgullo por honrar hoxe as traxectorias de «dúas vidas dedicadas á docencia, á investigación e a poñer ese coñecemento ao servizo da sociedade para facer mellor a vida das persoas”. Os novos honoris causa da USC, dixo, “engrandecen o presente da nosa Universidade e reforzan a nosa ilusión polo futuro”.
Soler Roch, pioneira en España
María Teresa Soler Roch foi a primeira muller que accedeu, en 1980, á condición de profesora axudante de Dereito Financeiro e Tributario, na Universidade de Valencia, e a primeira que logra unha cátedra en Dereito Financeiro e Tributario en España. “Mais fraco favor lle faríamos á solemnidade deste acto se reducíramos a traxectoria da profesora Soler a esta circunstancia e iso eclipsase a glosa dos seus méritos”, manifestou o profesor García Novoa na súa laudatio, que destacou “que en todas as fases da creación e o desenvolvemento do Dereito Financeiro e Tributario en España sempre estivo a profesora Soler Roch, e a súa labor investigadora ten sido un estímulo”.
Profesora da Universidade de Alacante, Soler foi unha “auténtica pioneira” en asignar ao gasto público o rol que lle correspondía dentro do Dereito Financeiro. “Afirmacións que hoxe nos parecen verdades apodícticas, como que non é posible calibrar a xustiza financeira sen atender a xustiza do gasto público, non serían posibles sen achegas como a súa”, engadiu o profesor. “Pero se hai un ámbito no que a profesora Soler marcou un xiro copernicano na doctrina tributaria foi a súa aposta científica polo Dereito Supranacional da Unión europea e polo Dereito internacional tributario”.
A profesora Soler Roch comezou o seu discurso facendo un paralelismo co Camiño de Santiago. “A miña traxectoria -dixo- identifícase co Camiño de Levante: de Valencia a Santiago, pasando por Murcia e, sobre todo, cunha longa e frutífera estadía en Alacante”. Un Camiño de Levante “que achega o valor engadido que representa un percorrido do Mediterráneo ao Atlántico; o primeiro coma orixe e o segundo como obxectivo”. “Con todo, -proseguiu- a chegada é o máis importante, porque Santiago e a súa Universidade son un referente que transcende a miña orixe, pero mostra algo en común cunha parte do meu devir académico”. Para Soler, Santiago ten unha “innegable” proxección europea e internacional, “como tamén Galicia en especial en relación con Latinoamérica”, unha presenza e influencia da Universidade de Santiago que tamén se proxectou no Dereito Financeiro neses mesmos ámbitos.
Rematou Soler a súa intervención cunha análise sobre a evolución do Dereito Tributario e Financeiro achegando reflexións concretas sobre asuntos como o gasto público ou ata que punto a “ancoraxe dogmática e metodolóxica sobre a que construímos o Dereito Financeiro pode dar resposta a algún dos desafíos aos que debe enfrontarse na actualidade o ordenamento xurídico da Facenda Pública”.
Nuno Vieira, referencia mundial
O catedrático Duarte Nuno Vieira é presidente da Academia Nacional de Medicina de Portugal, do European Council of Legal Medicine, do Comité Asesor do Tribunal Penal Internacional e do Comité Científico da Academia Internacional de Medicina Legal, que tamén presidiu. Referencia mundial en valoración do dano corporal e patoloxía forense e aspectos humanitarios da Medicina legal, mantén e mantivo unha moi estreita colaboración co Instituto de Ciencias Forenses da USC (antes Instituto de Medicina Legal) dende os tempos que o dirixía o catedrático Luis Concheiro. Non en van, Concheiro foi un dos formadores do profesor Vieira na institución compostelá.
Na súa laudatio, o profesor Carracedo situou o profesor Nuno Vieira como a persoa que acuñou e implementou unha nova disciplina dentro da Medicina Legal: a Medicina Legal Humanitaria, que busca aliviar o sufrimento humano e protexer a dignidade de todas as vítimas de conflitos armados e catástrofes.
Apuntou tamén Carracedo que na Medicina Forense os estándares a nivel mundial son “esenciais”, “só así se pode compartir coñecementos, datos, realizar peritaxes de calidade e elaborar contraperitaxes”. “E do mesmo xeito que desde Santiago se lideraron iniciativas internacionais de estandarización en Xenética Forense, o profesor Vieira impulsounas a nivel mundial en Patoloxía e Clínica Forense, e xuntos contribuímos a que existan estándares de calidade no ámbito da identificación forense”, dixo.
Remataba Carracedo o seu discurso asegurando que o progreso “non é outra cousa que avances en Dereitos Humanos, e a Medicina Legal ten a obriga de loitar e velar por eles”. “E non creo que sexa só a miña opinión, senón un feito -dixo-, a persoa que máis loitou e traballou por eles desde a perspectiva da Medicina Legal é o profesor Duarte Nuno Vieira, e, polo tanto, é quen máis contribuíu ao progreso da humanidade dentro da nosa especialidade”.
Nuno Vieira agradeceu moi especialmente as palabras do seu “amigo e compañeiro” Ángel Carracedo, “unha das maiores referencias mundiais das ciencias forenses” e afirmou que “ser académico desta Universidade significa comprometerse de por vida coa excelencia, coa ética, coa achega continua á disciplina á que eliximos dedicarnos, coa busca constante do coñecemento, que sempre debe ir acompañado da coraxe para desafiar as convención e a humildade para aprender dos demais”.
No seu discurso, o profesor portugués falou da disciplina da medicina legal e do exercicio da profesión, da que dixo “trata de cuestionar o misterio, desvelar os enigmas que existen ante nós e atopar respostas aos grandes e pequenos interrogantes da vida”. A Medicina Legal e Forense “sempre foi e será unha peza fundamental para a correcta aplicación da xustiza”, asegurou.
Tivo tamén palabras para as vítimas e os familiares directamente relacionados coa profesión, “voces que escoitamos con frecuencia tantas veces cheas de mudos gritos de angustia e desesperación, de dor e rabia”. “Pero este ámbito profesional é onde ás dúbidas, angustias, incertezas e pesadelos súmanse momentos de intensa plenitude. É unha área profesional que nos anima a perseverar a diario na axuda aos demais, a non desistir do mundo”, concluíu.







