Illa de Arousa (Pontevedra), 1 de abril de 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou este martes na visita realizada polo ministro das Comunidades e do Mar de Cabo Verde, José Pedro Mauricio dos Santos, ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA). Deste xeito, o responsable do Goberno africano comprobou o funcionamento deste centro, no que hoxe deu comezo un dos dous cursos de recolleitador de recursos específicos con técnicas de mergullo. A formación prolongarase ata o 28 de abril e, a segunda, desenvolverase dende ese día ata o 16 de maio. Asemade, o 19 de maio está previsto outro de iniciación ao mergullo profesional. O departamento que dirixe Villares inviste en formación 11,3 millóns de euros. Ademais, financia acción realizadas polas Confrarías mediante unha Orde de axudas bianual, dotada con 1,5 millóns.
As relacións entre o país africano e Galicia baséanse de maneira estratéxica en materia pesqueira debido á posición crave deste arquipélago no Atlántico central, preto dos caladoiros de Senegal e Mauritania e a medio camiño entre España e as illas Malvinas, Arxentina e Namibia. En 2024, as exportacións a Cabo Verde superaron as 2.900 toneladas, obtendo un valor mercantil de 9 millóns euros. Polo que respecta ás importacións, estas cífranse en máis de 3.800 toneladas e en 16,6 millóns de euros. Destaca o peixe conxelado, que supón o 76 % de todas as exportacións galegas de produtos pesqueiros ao país africano. A Consellería, tal e como lembrou Villaverde, tamén impulsa a Feira Expomar en dita rexión, co fin de impulsar a internacionalización da cadea mar-industria da comunidade.