Mar continúa co proceso de adaptación da regulación da pesca de recreo en cumprimento coa normativa europea

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, mantivo un encontro de traballo con representantes da Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas), co fin de atender as demandas desta entidade, cuxa principal reivindicación é adecuar a normativa que regula esta actividade para facela máis eficaz e acorde ás necesidades dos seus usuarios. A este respecto, segundo explica García, por parte da Consellería informouse de que a Administración autonómica está en proceso de adaptación da regulación da pesca de recreo, en coordinación coa estatal, para obter un rexistro de licenzas e de capturas, e dar cumprimento así á normativa europea.

A xuntanza enmarcouse na rolda de contactos que a directora xeral está a levar a cabo con distintas entidades e organizacións profesionais para traballar de xeito coordinado en proxectos que poñan en valor as distintas accións que desenvolven. A Federación Galega de Actividades Subacuáticas conta con máis de 4.000 federados en toda Galicia. Entre as súas especialidades destacan as de apnea; pesca, fotografía e vídeo submarino; arqueoloxía, ou mergullo de competición.

Deja un comentario