Manuel Pardo supervisa as últimas actuacións desenvolvidas no IES Universidade Laboral de Ourense por un importe de máis de 100.000 euros

Ourense, 18 de novembro de 2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao Instituto IES Universidade Laboral para supervisar o remate das últimas actuacións que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional levou a cabo por un importe de máis de 100.000 euros para cambiar as luminarias do Pavillón de Deportes, instalar estores na fachada suroeste do mesmo e desenvolver distintas melloras na entrada do polideportivo e na Escola de Arte ou adecuar a entrada do aparcadoiro do profesorado e dos alumnos.

O delegado territorial lembrou tamén as actuacións desenvolvidas no pasado curso neste centro educativo de máis de 454.000 euros na renovación das carpinterías do pavillón deportivo, así como dos acabados dos vestiarios, tanto de cuberta como chans e divisións, na que tratou de manter e recuperar as condicións do edificio orixinal, dado que o edificio pertence a un conxunto catalogado.

Coa actuación -precisou o delegado territorial- pretendeuse mellorar a eficiencia enerxética da edificación, coa substitución da carpintería exterior por outra de similares características e a instalación dun novo grupo térmico. Tamén se cambiaron as cubertas dos vestiarios recuperando os acabados iniciais, de cuberta plana con claraboias e acometeuse a reforma interior dos vestiarios que consistiu na substitución de acabados e instalacións, dotando ao edificio de aseos adaptados para o profesorado e para o alumnado.

Despois de percorrer as instalacións, Manuel Pardo significou que ao longo deste ano a Xunta está a desenvolver na provincia de Ourense 128 actuacións, pequenas obras, cun investimento de 2.848.163€, e están en proceso de execución 6 grandes obras (renovación da cuberta do CEIP Castrelo de Miño; renovación das carpinterías do IES Celanova; substitución dos cadros eléctricos do  IES 12 Outubro, e ampliación do CIFP Vilamarín, o IES Blanco Amor e o IES Chamoso Lamas) que suman máis de 5,4M€; un total de máis de 8M€; “o que fala ás claras do compromiso do Goberno galego coa modernización do sistema educativo, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, iniciado en 2021, e que o Presidente Rueda anunciou a súa prórroga tres anos máis, cun investimento inicial de 210M€”.

Tamén destacou o delegado territorial que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implante a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”; e subliñou outras novidades para este novo curso como o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20%, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais.

O Plan de nova arquitectura pedagóxica inclúe case 2.700 actuacións en toda Galicia para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes do Executivo autonómico. Neste momento están rematadas, en execución ou licitadas o 98 % delas, por un importe de máis de 229M€. O 2 % restante xa está comprometido, de tal forma que boa parte xa contan con proxecto encargado ou en revisión para a súa próxima execución.