A Xunta de Facultade de Dereito, na súa reunión extraordinaria de 19 de decembro de 2024, aprobou por maioría a adhesión ao posicionamento dos decanos e decanas das Facultades de Dereito e de Ciencias Xurídicas das Universidades públicas galegas sobre a creación dun Grao en Dereito pola Universidade Intercontinental da Empresa (UEI).
No seu comunicado manifestan o rexeitamento á implantación dese grao pola universidade privada baseándose en que “a reiteración dunha nova titulación de Dereito no sistema universitario de Galicia resulta contraria ao sinalado polo art. 8 da Lei 6/2013 do Sistema Universitario de Galicia que chama a evitar reiteracións de titulacións na Comunidade Autónoma”.
“Vemos con preocupación a posibilidade de implantación dese novo grao, que sería a quinta titulación destas características na nosa Comunidade Autónoma, o que suporía unha distorsión da oferta académica na titulación que xa se atopa suficientemente ben cuberta na actualidade polas 480 prazas que se ofertan nas tres universidades públicas”, aseguran os decanos e decanas, que ademais apelan á escasa calidade formativa dese grao. “Dificilmente se pode entender que o plan de estudos proposto sexa suficiente para garantir uns mínimos”, aseguran.