No actual ano académico, a USC logrou que o 25% das horas docentes se impartan en lingua galega. Este dato, o mellor dos últimos dez anos, evidencia unha clara tendencia á alza no emprego do idioma propio da Universidade de Santiago de Compostela, pasando do 20% a algo máis do 25% neste curso 2024-25. O informe ‘O galego na docencia: datos de uso’ que anualmente elabora o Servizo de Normalización Lingüística da USC, sinala que no Campus de Lugo a docencia chega ao 36% das horas en galego.
Por áreas de coñecemento, en Ciencias Sociais o galego é a lingua habitual da docencia e ten unha presenza semellante á do castelán. No caso de Ciencias, Enxeñaría e Artes e Humanidades, o galego é unha lingua consolidada (34%) superando a media da Universidade. Malia que en Ciencias da saúde a presenza do galego segue a ser minoritaria, existen casos como o de Enfermaría no Campus de Lugo, onde contan xa cun 43% de uso do galego.
A Facultade de Ciencias da Comunicación é a que realiza un meirande uso da lingua galega á hora de impartir docencia, chegando ao 85,7% das horas docentes. O uso do galego é tamén maioritario noutros centros como Ciencias da Educación (82,3%), Ciencias Políticas e Sociais (67%), Filosofía (63,6%), Formación do Profesorado (61,3%), ou Humanidades (61,2%). Neste senso, o documento conclúe que “cómpre apoiar e consolidar as actuacións dos centros en que se vén detectando un incremento progresivo da docencia en galego” coa vontade de estendelas a outras escolas e facultades.
Por titulacións, Xeografía e Ordenación do Territorio, Educación Social, Pedagoxía, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Mestre en Educación Primaria e Mestre en Educación Infantil encabezan a listaxe do uso do galego. O informe salienta ademais que, no caso dos mestrados, o uso da lingua propia da USC aumenta ata 17 puntos en Santiago.