Desde o luns ata este venres 6, máis de 900 profesionais da Ciencia Ecolóxica procedentes de máis de 100 institucións de 20 países diferentes participan en Pontevedra no III Congreso da Sociedade Ibérica de Ecoloxía (SIBECOL) e o XVII Congreso Nacional da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET). Este ano, desenvólvense coa colaboración das Universidades de Santiago e de Vigo, o CSIC, a Misión Biolóxica de Galicia, o Concello e a Deputación de Pontevedra.
O evento vai moito máis aló dos datos e as gráficas, onde se vai debater e cuestionar o modo tradicional no que se viu facendo a ciencia ata agora, na cal “reproducimos os mesmos problemas e lóxicas do poder: xerarquías, elitismo, invisibilización ou desigualdades de xénero e de clase”, segundo afirma Sobral, ecóloga e profesora de Xeografía na USC, co organizadora e coordinadora do comité científico do Congreso.
Será, por tanto, un encontro científico convertido nun laboratorio de prácticas e ideas sobre novos enfoques de facer ciencia, que incorporan visións adaptadas á realidade actual, como o feminismo que promove metodoloxías máis participativas e coidadosas; a sostibilidade enfocada a reducir o impacto ecolóxico das prácticas académicas e a investigación; o decrecemento que dá prioridade á calidade; ou a ciencia comunitaria que fomenta a participación da sociedade na investigación científica.
A inauguración tivo lugar este luns no auditorio del Pazo da Cultura de Pontevedra, e contou coa participación da vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; un acto de apertura tralo que tivo lugar a entrega dos premios AEET, un dos cales – o Premio ‘Contribución á diversidade e a inclusión na academia’- foi precisamente para Mar Sobral. Esta entidade científica quere así recoñecer “a intensa actividade e compromiso en tarefas de fomento e defensa da igualdade e diversidade en ciencia” da investigadora do Idega da USC, editora xefe asociada da revista internacional Ecological Monographs e co editora xefe da revista nacional Ecosistemas.
Para o xurado, a “intensa actividade” de Sobral inclúe coordinación e participación en blogs e podcasts, organización de obradoiros e comisións de igualdade e o desenvolvemento de medidas en materia de igualdade e diversidade. Tamén destacan o seu labor na posta en marcha de actividades de innovación docente e a publicación de varios traballos sobre muller e investigación.
O congreso
O programa deste Congreso inclúe 750 presentacións, 49 sesións científicas, 13 relatorios principais e 9 obradoiros, nas que se abordarán todos os aspectos da investigación en ecoloxía, desde a interconexión entre ecoloxía e evolución ata o uso da intelixencia artificial na ecoloxía ou o impacto da investigación nas políticas públicas. A cita contempla ademais charlas sorpresa sobre temas transversais e directamente relacionadas co lema do congreso, como por exemplo o acoso laboral, e actividades para chegar a outros públicos, que contarán cunha exposición de ilustradores científicos, diversas visitas de escolares e actividades de divulgación.
A cita reúne de novo dúas asociacións (SIBECOL e AEET) que desde hai anos traballan conxuntamente para crear pontes entre disciplinas (o terrestre, o mariño e o limnolóxico) y para que “a investigación no campo da ecoloxía signifique tamén coidar da contorna académica e de quen o habitan”, explica Isabel Reche, catedrática de Ecoloxía na Universidade de Granada e presidenta da SIBECOL. Ambas sociedades promoveron comités de igualdade e diversidade, premios para novo persoal investigador, á diversidade, á divulgación e á ciencia aberta, porque segundo apunta Ainhoa Magrach, profesora Ikerbasque do Centro Vasco de Cambio Climático (BC3) e presidenta da AEET, “nun mundo marcado pola división e a incerteza, debemos construír unha ciencia colaborativa, plural e comprometida, só así poderemos xerar coñecementos capaces de responder aos grandes problemas ambientais e sociais que enfrontamos”.