Máis de 850 estudantes e 420 persoas mentoras, o balance de dez anos do proxecto Mentoring USC

Lugo,
Santiago de Compostela

Mentoring USC clausurou este martes a súa décima edición nun acto que presidiu o reitor Antonio López Díaz no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, quen comezou agradecendo a colaboración desinteresada das 98 perdoas mentoras e colaboradoras “sen as que este programa non existiría”.

Liderado polo servizo de Orientación laboral da USC, “a el hai que lle sumar outras iniciativas de emprendemento e axuda ao estudantado e ao persoal investigador como Unirisco ou Innovatia 8.3 que sitúan a USC na vangarda, ofrecendo ferramentas que van achegando o eido académico ao laboral”.

No evento interviñeron ademais a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que lembrou o papel pioneiro da USC e a estudante de Psicoloxía Sofía Fernández Seijas, que falou en nome dos 64 estudantes desta edición e que explicou que Mentoring USC foi para ela “un cambio de inflexión” xa que a axudou a “ver o futuro e poder sopesar novas opcións profesionais”. Neste senso pronunciouse tamén o director xerente de Biostatech e mentor colaborador do proxecto, Vicente Lustres Pérez, para quen este tipo de programas son necesarios para explorar novas vías laborais.  

Mentoring da USC naceu co obxectivo de ofrecer ao estudantado universitario e a persoas recentemente tituladas un programa de apoio individualizado que facilite a toma de decisións e a planificación do seu futuro profesional. Así, as persoas participantes contan co acompañamento dun ou dunha mentora con experiencia profesional no seu mesmo ámbito de formación que lles proporciona orientación, información e apoio para identificar fortalezas, definir o seu proxecto profesional e coñecer as oportunidades que lles ofrece o seu contorno laboral.

Centos de participantes
Desde a súa posta en marcha, a iniciativa contou coa participación de máis de 850 estudantes. A maior parte provén do ámbito das Ciencias sociais e xurídicas e de Ciencias, con titulacións como Dereito, Relacións Laborais, Administración e Dirección de Empresas, Psicoloxía, Xornalismo e Biomedicina. O perfil maioritario son estudantes de últimos cursos de grao ou recentemente titulados/as que buscan orientación para dar os seus primeiros pasos no mundo laboral.

En canto ao perfil das persoas mentoras, proceden tamén de ámbitos moi diversos pero sempre vencellados ás titulacións do alumnado participante. Trátase de profesionais cunha ampla traxectoria en empresas privadas, terceiro sector, emprendemento ou investigación, que ofrecen unha visión realista e próxima do contexto profesional no que se desenvolven. A heteroxeneidade e a calidade destes perfís fan posible un acompañamento adaptado ás necesidades específicas de cada estudante, enriquecendo a súa visión e ofrecéndolles referencias prácticas e inspiradoras para o seu desenvolvemento profesional.

Cómpre destacar que ao longo desta década foron máis de 420 mentores e mentoras os que participaron no programa, demostrando o seu compromiso coa formación e empregabilidade das novas xeracións. Moitas destas persoas repiten a súa participación edición tras edición, o que é un claro indicador do grao de satisfacción que lles xera a experiencia.

Impacto positivo
O impacto do programa é “altamente positivo”, segundo as organizadoras, e perceptible tanto nas valoracións recollidas ao longo dos anos como na súa crecente demanda. O estudantado valora de forma especialmente positiva o feito de contar cunha persoa de referencia, experta no seu ámbito, que lles ofrece un apoio realista e motivador. Destacan tamén a mellora da súa seguridade, a claridade nos obxectivos profesionais e o descubrimento de novas posibilidades laborais. Pola súa parte, as persoas mentoras amosan unha gran satisfacción por poder transmitir coñecemento, contribuír ao desenvolvemento profesional da mocidade e devolver parte do aprendido ao longo da súa carreira.