Chegados desde seis localidades do sur de Galicia, 417 alumnos e alumnas de bacharelato puideron coñecer de preto a oferta formativa do campus de Pontevedra nunha Xornada de Portas Abertas que levounos a visitar as aulas e laboratorios dos diferentes centros. Promovida pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, o obxectivo desta actividade era que as futuras e futuros universitarios puidesen coñecer de primeira man o día a día nas diferentes facultades e escolas e os ámbitos de aplicación dos seus estudos, a través dunha serie de visitas divididas por ámbitos.
Procedentes de Ourense, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, A Guarda, Vilanova de Arousa e da propia cidade de Pontevedra, as e os participantes nesta xornada participaron previamente nunha recepción institucional no Pazo da Cultura. Nela, a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, lembroulles que a UVigo “atópase entre as 900 mellores universidades do mundo no ránking de Shanghai, de entre máis de 20.000”, á vez que salientou que “o seu crecemento a nivel investigador e de transferencia foi exponencial nos últimos anos”. No referido a Pontevedra, Lantarón subliñou que se trata dun campus caracterizado por contar “con moitas titulacións singulares”, únicas no sistema universitario galego, parte delas centradas “no ámbito da creatividade”, eixe do proxecto de especialización Campus Crea.
Mais, como lembrou a vicerreitora, a etapa universitaria “non é só un tempo de adqusición de coñecementos, senón tamén de formación a nivel persoal”. Con esa idea, a Universidade de Vigo busca ser tamén, desteacou, un “punto de encontro”. que achega o estudantado outros “moitos servizos” alén da actividade académica, o que levouno a incidir tamén na programación cultural e deportiva que se leva a cabo no campus.
Cinco percorridos diferentes polo campus
Tras esta benvida, estes 417 mozos e mozas desprazáronse, divididos en diferentes grupos, ás diferentes facultades e escolas, para participar en cinco percorridos diferentes, segundo os itinerarios de interese que previamente seleccionaran. O máis numeroso, con 135 estudantes, foi o de educación, centrado en darlles a coñecer as características dos tres graos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Outros 130 decantáronse polo artístico-humanístico e puideron coñecer as aulas e talleres de Belas Artes e Deseño. No ámbito das Ciencias Sociais, 86 mozos e mozas achegáronse ás titulacións das facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública. Outros 56 decantáronse pola área da saúde, visitando a Facultade de Fisioterapia e a Escola Universitaria de Enfermaría, mentres que unha decena optou polo eido tecnolóxico, o que levounos a coñecer algunhas das aplicacións dos estudos que se imparten na Escola de Enxeñaría Forestal.
Con 80 estudantes, o IES Val do Tea de Ponteareas foi o centro con maior número de participantes nesta iniciativa, á que se sumaron tamén 87 alumnos e alumnas do IES Frei Martín Sarmiento pontevedrés. Desde Vilanova de Arousa chegaron 76 mozos e mozas, que se forman no instituto A Basella, mentres que o IES Carril, de Vilagarcía, sumou outros 67 participantes. A relación de centros participantes complétase cos institutos A Sangriña de A Guarda, con 55 asistentes, e o Universidade Laboral de Ourense, que acudiu con 50 alumnas e alumnos do bacharelato artístico.
A meirande parte das e dos participantes eran estudantes de primeiro de bacharelato, que vían nesta cita unha oportunidade para coñecer mais de preto algunhas das titulacións do seu interese. Ese é o caso de Ismail Azizi, do IES A Sangriña, que recoñece que “aínda non sei que quero facer” e que esta actividade permitiulle coñecer máis ao miúdo unha das súas opcións, o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Máis definido teno Mateo Pousa, estudante de segundo de bacharelato neste instituto da Guarda, que agarda poder converterse en alumno de Fisioterapia. “Creo que é una boa maneira de coñecer como é a contorna na universitaria e ver a facultade na que poderíamos estudar”, sinala, ao tempo que incide no interese tanto de coñecer as instalacións do centro como de poder conversar co seu actual alumnado.