Máis 4.100 aspirantes están convocados esta fin de semana á realización das probas para o acceso a 236 prazas do Servizo Galego de Saúde

Silleda (Pontevedra), 9 de maio de 2025

O Recinto Feiral Internacional de Galicia de Silleda acollerá esta fin de semana a realización das probas do concurso-oposición do Servizo Galego de Saúde para o acceso a sete categorías profesionais do sistema sanitario público galego. Un total de 4.136 aspirantes están convocados a participar nestes procesos selectivos.

Entre as xornadas do sábado e do domingo, a Xunta ofertará un total de 236 prazas distribuídas en diversas categorías profesionais.

En concreto, na quenda de mañá do sábado, desde as 9,30 horas o Recinto Feiral de Silleda acollerá os 1.301 aspirantes convocados para acceder ás 8 prazas pertencentes á categoría de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía e ás 26 prazas do grupo de xestión da función administrativa.

Xa na quenda da tarde, desde as 16,00 horas, un total de 409 persoas están convocadas para desenvolver os exames de acceso ás 13 prazas que oferta a Administración autonómica na especialidade de técnico superior en documentación sanitaria e as 43 ao grupo auxiliar da función administrativa. Neste último caso, a totalidade das prazas están reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Case 2.500 opositores na xornada do domingo

Os procesos selectivos continuarán na xornada do domingo cunha dobre quenda que acollerá un total de 2.426 opositores.

Así,  na quenda de mañá terá lugar a proba para acceder a 121 prazas de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e, na quenda de tarde, as probas para acceder a 16 prazas de técnico superior en dietética e 9 do grupo técnico da función administrativa.

Protocolo e medidas organizativas das probas

Como medidas organizativas, cómpre destacar que non se realizará chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas. A acreditación para o acceso efectuarase a través dun documento con código QR que cada persoa aspirante ten dispoñible en Fides, no apartado relativo á súa inscrición na OPE. O dito documento contén a información do lugar, data e hora de realización das probas, así como a porta de acceso e número de posto de exame que deberá ocupar a persoa aspirante para a realización do exame. 

O acceso mediante código QR e o rexistro informatizado en cada porta dos aspirantes contribúen a unha maior axilidade e seguridade do proceso selectivo. Non estará permitido o acceso dos aspirantes ao interior do recinto de realización das probas con teléfono móbil nin ningún outro dispositivo electrónico ou soporte con memoria, salvo causas xustificadas.

Para facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes o Servizo Galego de Saúde permítelle ás mulleres embarazadas que dean a luz ese día ou desen a luz unha semana antes, e que por estes motivos estean ingresadas o día do exame, e ás embarazadas que estean en situación de incapacidade temporal que por razóns derivadas desta situación non se poidan desprazar ao lugar de realización das probas, facer os distintos exercicios da fase de oposición nun centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. 

O Servizo Galego de Saúde tamén dispón de salas de lactación para aquelas mulleres que desexen exercer ao seu dereito de lactación durante a realización das probas. 

Deja un comentario