Santiago de Compostela
A profesora de Psicoloxía Social, M. Mar Durán, acaba de ser elixida membro de pleno dereito de Sigma Xi, a Sociedade de Honra de Investigación Científica, “en recoñecemento aos seus logros académicos e contribucións ao avance do coñecemento no seu campo”. Sigma Xi é a Sociedade de Honra de Investigación Científica internacional máis antiga e reúne o persoal científico e do eido da enxeñaría máis destacado de todo o mundo.
Fundada no ano 1886 en Estados Unidos co obxectivo de fomentar a excelencia na investigación científica, Sigma Xi ten contado entre os seus integrantes con máis de 200 gañadores do Premio Nobel, incluídos Albert Einstein (1921), Enrico Fermi (1938), Linus Pauling (Nobel de Química, 1954 e Nobel a Paz, 1962), Francis Crick e James Watson (1962), e Jennifer Doudna (2020). Esta honra outórgase a quen demostrou logros notables en investigación, considerando a súa preparación, a súa traxectoria profesional, a autoría principal dos artigos e a calidade da investigación.
Currículo
Mar Durán é doutora pola Universidade da Coruña e investigadora na actualidade do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC. En 2002, foi recoñecida co premio de investigación IAPS YOUNG RESEARCH AWARD, outorgado pola International Association People-Environment Studies (IAPS) ao mellor traballo de investigación presentado por un único autor menor de 35 anos. Durante os últimos anos dirixiu e liderou as súas propias liñas de investigación que estiveron centradas, fundamentalmente, na análise psicosocial da conduta humana.
Actualmente está centrada na contorna do Camiño de Santiago dende unha perspectiva socioambiental. É autora e coautora de varios libros, capítulos de libro e artigos científicos publicados en editoriais e revistas especializadas de recoñecido prestixio internacional. Deu cursos e impartiu numerosas conferencias en diferentes congresos, institucións e universidades de España e Portugal, así como na Universitè René-Descartes-París (Francia), a University of Surrey (Reino Unido) e na Universidade Católica do Uruguai (Uruguai). É membro do Consello Editorial da revista Environment & Social Psychology e do Journal of Psichological Research.