Madrid, 14 de maio de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe ao Goberno central “que aclare dunha vez por todas” as causas do apagamento para dar estabilidade á industria, logo de coñecerse que Alcoa non vai cumprir cos compromisos de rearranque das cubas como consecuencia deste incidente.
“Lamentamos moitísimo as consecuencias que se están dando na industria galega polo apagamento de hai unhas semanas”, dixo Lorenzana, quen apuntou que, “agora mesmo, máis de 1.000 postos de traballo están en entredito na Mariña luguesa a consecuencia, precisamente, de que o Goberno de España non é quen de dar unha estabilidade á conexión eléctrica da nosa industria”.
“Levamos advertindo xa durante máis dun ano que a estabilidade da rede de transporte eléctrico é clave para manter os investimentos actuais e atraer outros novos, e atopámonos agora cunha consecuencia dramática”, engadiu, para insistir: “O que pedimos ao Goberno central é que dea dunha vez por todas explicacións á cidadanía e ás empresas das causas do apagamento e que dea estabilidade á nosa industria”, subliñou.
Lorenzana remarcou a necesidade de “que o Ministerio de Industria fale dunha vez por todas co Ministerio de Transición Ecolóxica, e que esa comisión de investigación que se chama independente e que está presidida pola propia ministra dea explicacións a todos o españois de cales foron as razóns do apagamento”.
A industria e a empresa en España non se poden desenvolver con normalidade, concluíu, se o sistema eléctrico non ofrece fiabilidade aos investidores e emprendedores.