Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe o papel que desenvolven as empresas familiares “no incremento dun maior emprego e prestixio da nosa lingua no sector económico”. Fíxoo durante a súa participación na inauguración do III Curso para conselleiros e administradores dirixido a estas compañías, organizado polo Club Financiero de Santiago.
“Sodes moitas as entidades aquí participantes que levades na vosa cerna a lingua como sinal orgulloso de identidade converténdovos nun exemplo para o resto do sector, tamén neste eido”, agradeceulles o responsable de Cultura do Goberno galego ás persoas participantes nesta xornada formativa dirixida a mellorar o músculo financeiro e potencialidades deste tipo de corporacións en Galicia.