Quiroga (Lugo), 30 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na XXV Mostra do Aceite de Quiroga onde destacou a “gran riqueza cultural, paisaxística e gastronómica” que atesoura toda a área da Ribeira Sacra, lembrando a candidatura presentada polo Goberno galego ante a Unesco para ser declarada Patrimonio Mundial no 2026.
O representante da Xunta tivo oportunidade de degustar este produto e coñecer de primeira man o proceso de elaboración artesanal cando se cumpren os 25 anos desta festa de Interese Turístico de Galicia. Ademais, felicitou ao cociñeiro compostelán Kike Piñeiro, que foi nomeado o primeiro embaixador do aceite de Quiroga neste primeiro ano no que se crea esta figura.