Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo hoxe en valor o “papel transformador” que ten a cultura para “potenciar unha sociedade cada vez máis plenamente inclusiva e, por tanto, máis xusta”. Así o salientou con motivo da súa asistencia a Cicatriz, espectáculo de danza contemporánea coproducido pola Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego. Este organismo público sobe por vez primeira ao escenario unha persoa cun 65 % de discapacidade física, o polifacético artista galego Antón Reixa.
A sala Germán Coppini da Fundación SGAE acolleu onte e hoxe os primeiros pases desta peza, con dirección e coreografía da bailarina galego-cubana Kirenia M. Acosta, que pon en escena o poema homónimo de Reixa nunha proposta interpretada a dúo por ambos os dous e nos que o autor explora o desexo e a súa influencia na vida das persoas como panca para accionar a reflexión e o empoderamento ante prexuízos e discriminacións. Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego celebrou que este espectáculo “afonde e desenvolva a liña de traballo impulsada desde a Xunta coa recente Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, ao levar ao escenario a sensibilización sobre o idadismo e a discapacidade”.