Vigo, 27 de maio de 2024
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na presentación do Top 8 infantil feminino que será a fase final do Campionato de España de Clubs que se celebrará entre o 28 de maio e o 1 de xuño en Bueu e Redondela. O mandatario galego destacou a importancia da base e, nomeadamente, nun deporte como o balonmán que é a terceira federación con máis rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos, tan só por detrás de fútbol e baloncesto, estando estas tres entidades federativas adheridas ao Programa Xogade da Xunta de Galicia.
Lete Lasa asegurou que dende mañá mesmo ata o vindeiro domingo, Bueu e Redondela converteranse no epicentro nacional do balonmán nacional de base e desexou sorte a todos os equipos participantes: Handbol Gavá Blau, AEH Les Franqueses e Fundació Handbol Sant Vicenç de Cataluña; Eskubaloia Basauri de Euskadi; Ifem CBM de Andalucía; Atticgo BM Elche da Comunidade Valenciana; e, especialmente, aos dous equipos galegos, o SAR Rodavigo de Redondela e o Lapamán Área de Servicio Bueu Atlético Balonmán, indicando que “xa é todo un éxito que xoguen esta fase final entre as mellores do país”.
Para todas as rapazas asistentes á presentación, puxo como exemplo os dous equipos galegos da Liga Guerreras Iberdrola, o Mecalia Atlético Guardés e o Conservas Orbe Zendal Porriño BM, dous equipos de “absoluta moda” que xogaron a final da Copa Europea de Balonmán EHF en 2023 e 2025. No caso do Porriño que vén de acadar ese subcampionato tras eliminar a cinco equipos de cinco países diferentes, Lete Lasa destacou ás xogadoras que se formaron na base galega como Sarai Sanmartín, Alicia Campo, Aitana Santomé, Iria Benaches, Aroa Fernández, Marta Martínez ou Andrea Fernández. “O deporte feminino galego está medrando exponencialmente nos últimos anos polo que podedes poñervos metas tan ambiciosas como desexedes, porque as mulleres estades conquistando lugares aos que nunca antes se tiña chegado”, sentenciou.