Lanzan a primeira edición dun ciclo de microcredenciais universitarias en materia de negociación colectiva

Lugo,
Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago e o Consello Galego de Relacións Laborais colaborarán na realización da primeira edición dun ciclo de tres cursos de formación específica en forma de Microcredenciais Universitarias en materia de negociación colectiva.

O acordo para esta actividade formativa asinárono este venres en San Xerome o reitor Antonio López e a presidenta do Consello, Antía Sández Callejo. No acto participou tamén o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e director deste primeiro ciclo de microcredenciais, José María Miranda Boto.

Estas actividades formativas de menos de 15 créditos ECTS, organizadas baixo a forma de microcredenciais, permitirán certificar resultados de aprendizaxe ligados a actividades formativas de corta duración, con independencia de que as persoas destinatarias posúan ou non unha titulación universitaria previa.

As persoas destinatarias deste ciclo son estudantes e persoas tituladas en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas así como persoas responsables de recursos humanos, de prevención de riscos laborais, de relacións laborais, asesoría e cadros das organizacións sindicais e empresariais.

Temáticas
Habilidades negociais, proceso negociador de convenios colectivos e contidos e cláusulas dos convenios colectivos son as temáticas dos tres cursos, a desenvolver desde o 13 de maio ao 2 de outubro de 2025 en modalidade presencial na Facultade de Dereito. A formación ten por obxecto posibilitar que as persoas adquiran, actualicen e melloren os coñecementos, habilidades e capacidades necesarios para prosperar nun mercado laboral e nunha sociedade en constante transformación.
 

O reitor da USC e a presidenta do Consello co profesor Miranda Boto. Foto: Santi Alvite
O reitor da USC e a presidenta do Consello co profesor Miranda Boto. Foto: Santi Alvite