KosmoTech_1200 ofrece unha nova visión do Coro do Mestre Mateo

O coro do mestre Mateo desmantelouse nos albores do século XVII e ao longo do XX realizáronse diversos intentos de reconstrución parcial sen chegar a unha solución satisfactoria en canto á súa configuración arquitectónica xeral, estrutura dos sitiais, disposición escenográfica e programa iconográfico. Mais o achado de novas pezas do coro durante as obras recentes de acondicionamento da cripta do Pórtico da Gloria permitiu alcanzar unha nova visión de diversas partes da súa estrutura.

A raíz deses últimos descubrimentos e dunha exhaustiva investigación xurde o proxecto KosmoTech_1200, laboratorio multidisciplinar que une a tecnoloxía máis avanzada coa investigación histórico-artística e arqueolóxica de vangarda para reconstruír dixitalmente patrimonio único e que, como caso de estudo principal, toma a Catedral de Santiago de Compostela e, en concreto, as estruturas creadas baixo a dirección do mestre Mateo: o nártex occidental e o coro pétreo. Financiado pola Axencia Estatal de Investigación, KosmoTech_1200 está desenvolvido no CISPAC grazas a un convenio de colaboración entre a USC e a Fundación Catedral de Santiago. 
 
Hoxe presentaron os seus últimos avances nunha rolda de prensa na que participaron o investigador principal do proxecto, Francisco Prado-Vilar; o coordinador técnico Anxo Miján Maroño, e os técnicos de virtualización Alexandre González Rivas e Carlos Paz de Lorenzo. Así, grazas ao seu traballo pode coñecerse unha nova visión integral da estrutura arquitectónica do coro así como unha reconstrución en 3D inmersiva de catro sitiais. Tal e como asegurou Prado-Vilar, logro da reconstrución virtual do coro “sería posible a rematerialización deste monumento e doutros moitos que hoxe xa non existen na súa forma orixinal”.

Dimensión pedagóxica do Coro
Se no Pórtico de la Gloria o mestre Mateo dirixiu o seu obradoiro de escultores para que representasen fielmente en pedra un concerto de música instrumental, rexistrando todos os seus detalles cun naturalismo nunca alcanzado ata entón, desde a disposición corporal dos músicos ata as características técnicas de cada instrumento, o mesmo fixo co concerto vocal do coro. De igual xeito que os anciáns da Apocalipse, tamén os cantores están representados no momento do desenvolvemento dunha performance, conversando mentres afinan o instrumento da súa voz para interpretar unhas composicións cuxa melodías están codificadas nos seus xestos a través da técnica da ‘man guidoniana’ (manus musicalis).

Todos os detalles deste complexo monumento, os xa coñecidos e os descubertos a partir da análise rigorosa dos fragmentos atopados, foron catalogados e fotogrametriados polo equipo científico técnico de KosmoTech_1200 para a súa posterior inserción nun modelo reconstruído en 3D inmersiva de catro sitiais, cunha anastilose das partes ausentes e reconstrución das súas policromías baseada nos restos achados en cada peza.

Ademais, o equipo propón unha nova reconstrución integral da estrutura arquitectónica do coro que inclúe a decoración da fachada, a vía sacra, os sitiais, as tribunas e escaleiras de acceso, así como as arcadas exteriores e os sistemas de iluminación. Presenta deste xeito unha proposta estrutural e de planimetría diferente á anteriormente publicada por Ramón Otero Túñez y Ramón Yzquierdo Perrín en 1990 en El Coro del Maestro Mateo, “que amplía considerablemente a superficie de uso da tribuna e nas fachadas exteriores se gañan espazos de uso cubertos e abertos ás naves laterais”.

KosmoTech
Unha parte esencial de KosmoTech é o desenvolvemento de modelos dixitais de última xeración que permitirán recuperar a experiencia multidimensional de cada espazo reconstruído e procesar datos de forma interactiva, así como visualizar as súas transformacións ao longo do tempo e, en última instancia, axudar ao deseño de estratexias informadas de conservación, transferencia de coñecemento e valorización do patrimonio.

Ademais de producir una restauración dixital de monumentos esenciais do patrimonio mundial, que xa non son accesibles na súa concepción orixinal, KosmoTech_1200 ten unha profunda vocación social, xa que achega a ciencia e o
patrimonio á cidadanía e contribúe ao deseño de ferramentas pedagóxicas para axudar a grupos específicos a mellorar as súas habilidades cognitivas e creativas.

Reconstrución fotogramétrica de catro sitiais do coro da Catedral de Santiago. Imaxe: KosmoTech
Reconstrución fotogramétrica de catro sitiais do coro da Catedral de Santiago. Imaxe: KosmoTech

De esquerda a dereita, Anxo Miján, Francisco Prado-Vilar, Alexandre González e Carlos Paz. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Anxo Miján, Francisco Prado-Vilar, Alexandre González e Carlos Paz. Foto: Santi Alvite