Santiago de Compostela
Kip Thorne, Premio Nobel de Física 2017, continúa coa súa axenda en Compostela como convidado no programa de divulgación científica ConCiencia, da USC e do Consorcio de Santiago. Thorne foi este venres 9 protagonista da clase de ‘Gravitación’ onde puido compartir o seu coñecemento co estudantado da Facultade de Física da USC. O científico foi recibido a primeira hora da mañá pola decana Elena López Lago, o profesor Javier Mas Solé e o director do programa ConCiencia, Jorge Mira.
Durante a súa estadía neste centro da USC, Thorne aproveitou para visitar a mostra que con motivo da súa visita, organizou a biblioteca da Facultade sobre a súa traxectoria. Na mostra realízase un percorrido pola súa biografía, actividade investigadora, premios acadados e academias e institucións nas que participa. A exposición pode visitarse na sala de lectura da biblioteca ata o 16 de maio.
Ondas gravitacionais
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, foi o seguinte punto no que se detivo o Premio Nobel con motivo do simposio titulado ‘Kip Thorne’s Gravitational Way in Santiago de Compostela’. Thorne é un dos fundadores do proxecto LIGO, xunto a Barry C. Barish e Rainer Weiss, con quen compartiu o Premio Nobel de Física en 2017. Como parte desta colaboración, construíronse dous detectores xigantes en Estados Unidos, separados por máis de 3.000 km, con brazos perpendiculares de varios quilómetros de lonxitude. O seu obxectivo era observar de maneira directa as ondas gravitacionais, ‘enrugas’ no espazo-tempo que Einstein predicira teoricamente un século antes. En 2015, LIGO conseguiu a súa gran meta, o que supuxo un dos grandes fitos da física nas últimas décadas.
Tras recibir a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu en 2017, a dirección científica do IGFAE identificou a ciencia de ondas gravitacionais como unha liña de investigación de gran potencial de crecemento dentro do Instituto, especialmente en relación coa astronomía de multimensaxeiros. En 2018, o IGFAE uniuse á colaboración LIGO. Na xuntanza deste venres, o persoal do IGFAE puido compartir con Thorne os seus principais avances científicos neste campo, ademais de debater sobre o pasado, presente e futuro da ciencia de ondas gravitacionais. O director do centro, Carlos A. Salgado, deu a benvida a Thorne. A continuación, interviñeron os investigadores Enrique Zas, Jose Edelstein, Thomas Dent e Juan Calderón.
Viaxes no tempo
O acto central do Programa ConCiencia desenvólvese este venres 9, a partir das 19.30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Trátase do relatorio impartido por Thorne e aberto ao conxunto da cidadanía que leva por título ‘Explorando o lado curvado do noso universo. Dende buratos negros e buratos de verme ata ondas gravitacionais e viaxes no tempo’. A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade do espazo.