José Luis Mascareñas, Premio Rei Jaume I en Investigación Básica

O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), José Luis Mascareñas Cid, acaba de ser galardoado co Premio Rei Jaume I 2025 na categoría de Investigación Básica. O xurado destaca os seus “traballos pioneiros en química órgano-metálica, especialmente por introducir reaccións catalizadas por metais en células vivas”, abrindo novas vías para o desenvolvemento de ferramentas químicas aplicables en contornas biolóxicas complexas.

Para Mascareñas, este premio supón un recoñecemento especial á ciencia que non persegue unha aplicación inmediata “pero que é o xermolo dos grandes avances científicos e tecnolóxicos”. E aínda que se outorga a título individual, o catedrático quere compartilo “con todas as persoas que traballaron comigo durante estes anos; sen o seu talento, esforzo e dedicación, nada disto sería posible”.

José Luis Mascareñas, que recollerá o premio no mes de novembro en Valencia nunha cerimonia presidida polos Reyes de España, é unha figura de referencia internacional en química supramolecular e biolóxica. Doutor en Química pola USC con estancias posdoutorais nas universidades de Stanford, Harvard, Cambridge e o MIT, José Luis Mascareñas foi director científico do CiQUS, onde lidera o grupo MetBioCat de estudo de novas estratexias de catálise bioinspirada, química bioortogonal e reactividade controlada en contornas celulares. O seu equipo traballa no deseño de complexos metálicos capaces de operar dentro de células vivas para inducir reaccións químicas non naturais, unha liña de investigación que abre novas perspectivas para a biomedicina, a biotecnoloxía ou a enxeñaría molecular.

Ao longo da súa carreira publicou máis de 250 artigos en revistas científicas de alto impacto e recibiu numerosos recoñecementos, entre os que destaca a prestixiosa ERC Advanced Grant concedida polo Consejo Europeo de Investigación. O mes pasado, Mascareñas presidiu a Bürgenstock Conference, un dos encontros máis selectivos e relevantes da química internacional, converténdose no terceiro científico español en ocupar esa posición.

Os Jaume I
Os premios outorgados pola Fundación Valenciana Premios Rei Jaume I, considerados un dos máximos recoñecementos científicos en España, distinguen cada ano figuras destacadas en sete categorías: Investigación Básica, Economía, Investigación Biomédica, Investigación Clínica e Saúde Pública, Protección do Medio Ambiente, Novas Tecnoloxías e Emprendemento.

O seu xurado internacional conta coa participación de máis dunha vintena de premios Nobel, cinco dos cales avaliaron especificamente as 38 candidaturas presentadas por terceiros na categoría de Investigación Básica que vén de gañar Mascareñas, a máis antiga de todas, o que dá mostra da súa elevada competitividade.

O presidente da Fundación, Vicente Boluda, lembrou que estes galardóns “non son só unha distinción” senón que representan “o recoñecemento á dedicación, esforzo e talento sobresaliente que desde distintos ámbitos do coñecemento contribúen ao avance da nosa sociedade”. “Nun tempo no que a proliferación de populismos e os desafíos globais esixen respostas firmes e colaborativas, como sociedade civil non debemos permitir ningún retroceso no apoio á ciencia e á investigación”, dixo.

Nesta 37ª edición foron tamén distinguidos Jan Eeckhout (Economía), Núria López-Bigas (Investigación Biomédica), Silvia de San José Llongueras (Investigación Clínica e Saúde Pública), Victoria Reyes García (Protección do Medio Ambiente), María Jesús Vicent D’Ocón (Novas Tecnoloxías) e Damià Tormo Carulla (Revelación Empresarial). A edición de 2025 destaca ademais pola notable presenza de mulleres entre as persoas premiadas, unha circunstancia pouco frecuente en anteriores convocatorias.