Cospeito (Lugo), 31 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Muimenta na presentación da XLI edición da Moexmu, que abrirá as súas portas este venres pola tarde e desenvolverase ata o domingo no recinto feiral Manuel Vila da localidade. No acto participaron tamén a presidenta da comisión organizadora da mostra, Ana Iglesias; o coordinador da Moexmu, José Manuel Rus; e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, entre outros.
Arias explicou que o Goberno galego comparte cos organizadores da Moexmu o obxectivo de impulsar o sector primario, tanto as explotacións agrogandeiras como as actividades de servizo ou agroindustriais vinculadas a estas. Ao respecto, destacou que este evento supón “un escaparate excepcional para exhibir o potencial deste tecido produtivo na provincia de Lugo”, ademais de supor “un importante impulso para a economía local”.
Destacou tamén que a Xunta dá un ano máis soporte económico á feira e é o único patrocinador dos concursos de gando, ademais de colaborar cos premios destes certames e dos concursos de manexadores.
No marco da 41ª edición da Moexmu celebrarase, entre outros actos, o Concurso de gando frisón -o único que se realiza en Lugo e un dos poucos que se manteñen en Galicia-, unha Exposición de raza Rubia Galega, unha Poxa de gando selecto, un Monográfico de Razas de Can de Palleiro e Concursos de Manexadores, mozos e adultos.