Lugo, 20 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde na fase final da cuarta edición da Liga Sénior 3×3, que organiza a Fundación Breogán, como integrante dun dos equipos. O torneo, que se desenvolveu en catro xornadas ao longo dos meses de maio e xuño, está dirixido a persoas maiores de 30 anos e ten carácter mixto.
Arias felicitou á Fundación Breogán polo labor que desenvolve “para divulgar os valores e a práctica do deporte” e destacou a colaboración da Xunta coa entidade para promover este tipo de iniciativas “que buscan incentivar a actividade física en todas as etapas da vida e, no caso dos máis novos, animalos ademais a desfrutar de alternativas de ocio saudables”.
Categorías inferiores
O delegado lembrou que o Goberno galego colabora tamén co Torneo 3×3 na Rúa, para categorías inferiores, que se desenvolverá este sábado -de 16.00 a 21.00 horas- nas pistas exteriores do Pazo dos Deportes de Lugo.
Participarán 34 equipos de baloncesto formados por mozos e mozas nados entre os anos 2007 e 2016, que competirán nas categorías alevín, benxamín, infantil, cadete e júnior. A Fundación Breogán promove este certame como a última gran actividade da tempada de deporte base.