Santiago de Compostela
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na xuntanza anual da súa Xunta de Goberno os resultados de 2024 e a súa programación para 2025. Para a directora do instituto, Elisa Fernández Rei, a memoria correspondente ao pasado ano reflicte indicadores “claramente positivos”, que atribuíu “a todo o persoal investigador polos logros acadados, así como ao equipo de comunicación e á comisión de igualdade polo seu traballo e compromiso”.
Así, en 2024 incrementouse o persoal investigador vinculado ao centro, que alcanza un total de 30 investigadores e investigadoras, e houbo un “notable aumento” da produción científica tanto en publicacións como en participacións en congresos, con máis do 60% das publicacións en acceso aberto.
O crecemento do financiamento a través de convocatorias competitivas, a mellora substancial nos indicadores de comunicación, o mantemento do compromiso coa divulgación (con 20 charlas en centros de ensino e outras tantas actividades de formación científica) e un incremento na participación en iniciativas relacionadas coa igualdade de xénero (de 2 en 2021 a 7 en 2024) son outros aspectos a destacar que dan conta dos indicadores de éxito desde centro o pasado ano.
Ademais, púxose en valor o “notable dinamismo” das liñas de investigación ‘Variación, cambio e contacto lingüístico’ e ‘Ferramentas e recursos para a preservación e difusión do patrimonio lingüístico-cultural’, tanto polo número de proxectos desenvolvidos como pola súa produción científica. Do mesmo xeito, Fernández Rei salientou os importantes avances na liña ‘Tecnoloxías Lingüísticas’, que xerou preto de 30 contribucións entre publicacións e presentacións en congresos durante o pasado ano.
Intensa programación para o ano 2025
Tal e como se explicou na xuntanza, en 2025 finalizáronse cinco proxectos de investigación á vez que se incorporaron novas liñas de traballo, como unha sobre ideoloxías lingüísticas ou un corpus de tweets en Galicia, ambas dirixidas por investigadoras recentemente vinculadas ao ILG.
No referido á organización de eventos, mantéñense iniciativas consolidadas como o simposio anual LingüisticaMente, a Xornada de Variación e Cambio Lingüístico, a Xeira CLARIAH-GAL e os Cursos de lingua e cultura galegas: Galego sen fronteiras, entre outros. Continuarán tamén as colaboracións con outras entidades como a Biblioteca de Galicia, AGANTRO, a Universidade de Lisboa ou a Universidade de Aveiro.
O ILG manterá igualmente as súas actividades de difusión, divulgación e proxección social, como o concurso Validatón, as charlas da Ponte entre a USC e o ensino medio ou as visitas e cafés abertos de investigadoras e investigadores visitantes. Ademais, incorporará algunhas actividades de transferencia, como unha xornada formativa para profesorado de secundaria e bacharelato.
O acto de presentación de resultados e de avance de actividades contou coa presenza de destacadas personalidades do ámbito académico, cultural e institucional de Galicia. Entre outras, do reitor da USC, Antonio López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o secretario xeral de universidades, José Alberto Díez de Castro; a directora e a secretaria do ILG Elisa Fernández Rei e María Álvarez de la Granja, respectivamente, así como representantes da USC e da Fundación Barrié.