O egresado da Facultade de Física da USC, Iago Millán Entenza, obtivo o primeiro posto no marco das probas selectivas 2024 para o acceso no ano 2025, a prazas de Radiofísico Interno Residente (RFIR), convocadas polo Ministerio de Sanidade. Ademais de Millán Entenza, que cursa estudos de doutoramento no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o tamén egresado da USC, Pedro Areal Antolín, acadou a sétima mellor cualificación no marco das probas para Médico Interno Residente (MIR).
Un total de 27.649 aspirantes superaron as probas segundo a relación provisional de resultados que acaba de dar a coñecer o Ministerio, o que supón o 99,83% das persoas que se presentaron ás probas de acceso á Formación Sanitaria. En concreto, para RFIR ofertábanse 51 prazas ás que se presentaron 322 aspirantes, mentres que para o MIR, as prazas dispoñibles eran 9.007, presentándose á proba 13.711 persoas tituladas.