Galicia comparte con Serbia a súa experiencia de xestión no eido da acuicultura

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, mantivo este mércores un encontro de traballo con representantes institucionais de Serbia, que están a visitar distintas administracións e entidades vinculadas ao sector acuícola de España. No transcurso do mesmo, a responsable autonómica trasladou aos representantes do mesmo a experiencia da Xunta de Galicia e a xestión que está a levar a cabo para impulsar o tecido acuícola galego. Así, a modo de exemplo, puxo en valor que a Consellería do Mar destinará máis de 65 millóns de euros ata 2027 para a modernización e diversificación das instalacións acuícolas, garantindo así a súa viabilidade e competitividade a longo prazo.

A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que o Goberno balcánico está a manter cos Estados membros da Unión Europea, pois está inmerso no proceso de negociación para a súa adhesión a esta organización. Así, no día de hoxe tamén visitaron o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), que dende 2019 é Centro de Referencia Nacional (CNR) na área acuícola e mergullo. Mañá xoves, ante de regresar a Belgrado, desprazaranse ata Baleira, onde visitarán Ovapiscis, piscifactoría lucense que é líder en Europa na produción de ovas de troita arcoiris, acadando unha facturación no mercado de máis de 200 millóns de euros. A súa produción sitúase nos 540 millóns de ovas e conta con seis granxas especializadas nesta modalidade e unha destinada exclusivamente ao desenvolvemento da súa xenética, que se reparten pola zona norte de España. Concretamente, en Galicia, Castela e León e Aragón. Inmersa en pleno proceso de expansión, Ovapiscis vende en 32 países de todo o mundo.

Deja un comentario