Formación do Profesorado lembra á profesora Araceli Herrero dedicándolle unha sala de investigación

A Facultade de Formación de Profesorado acaba de inaugurar a Sala ‘Araceli Herrero’, na antiga sala de investigación do centro, que agora rememorará a quen fora docente desta Facultade vinculada ao Departamento de Didáctica da Lingua e da Literatura e que faleceu en xuño de 2020.

Na sesión inaugural deste espazo déronse cita unha nutrida representación de docentes, tanto en activo como persoal xa xubilado, que coincidiron coa profesora Herrero, así como o seu marido e fillos. En palabras da decana de Formación Profesorado, Carmen Sarceda Gorgoso, a xornada permitiu rememorar “lembranzas e sentimentos cara unha magnífica profesora, investigadora e, sobre todo, persoa cuxa memoria permanecerá para sempre unida á Facultade de Formación do Profesorado”.

Doutora en Filosofía e Letras e licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, o labor docente desenvolvido por Araceli Herrero Figueroa estivo de sempre ligado ao Campus de Lugo, desde o antigo Colexio Universitario, onde comezou a súa actividade académica, ata a Facultade de Formación do Profesorado, o centro da USC no que exerceu durante os últimos anos. Como parte do seu labor académico, foi autora de distintas monografías, capítulos de libros en volumes colectivos sobre lingua, literatura e didáctica, ensaios e estudos varios en diversas publicacións e revistas.