Fondo pesar polo pasamento de Emilio Montero Cartelle

A USC e toda a comunidade da Facultade de Filoloxía manifestan o seu profundo pesar polo pasamento do profesor Emilio Montero Cartelle, catedrático emérito da área de Lingua española, e únense á súa familia e amizades na inmensa dor provocada pola súa perda.

A súa perda é particularmente dolorosa para os integrantes do Departamento de Lingua e Literatura española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, así como para quen colaboraron con el en diferentes facetas da vida investigadora e académica. Emilio Montero fora reelixido o pasado 16 de xullo do 2024 como presidente da Asociación de Historia de la lengua española, un recoñecemento á súa relevante traxectoria investigadora no ámbito da lingüística diacrónica. Froito do seu labor son moitas publicacións sobre eufemismo e disfemismo, léxico medieval, construccións condicionais e concesivas, modo verbal, e gramaticalización de conectores contraargumentativos. Impartiu materias de historia da lingua española e dialectoloxía a moitas promocións de estudantes da Facultade de Filoloxia, centro do que foi Decano.

O seu labor e compromiso coa universidade sempre quedará no recordo dos que compartiron con el longos anos de traballo no departamento e na facultade.