Finaliza o proxecto SisAl Pilot logo de acadar unha alternativa sostible para a produción de silicio

Santiago de Compostela

O proxecto SisAl Pilot puxo fin a case cinco anos de investigación arredor do desenvolvemento de procesos sostibles para a produción de silicio. A xuntanza final do consorcio que tivo lugar en Bruxelas serviu para facer balance dos logros obtidos no marco desta investigación financiada polo programa Horizon 2020. SisAl Pilot centrouse en escalar e demostrar unha nova tecnoloxía patentada: a redución aluminotérmica de cuarzo en escoria, empregando materias primas secundarias, como chatarra e residuos de aluminio ao final da súa vida útil. Estes materiais substitúen os redutores de carbono tradicionais, logrando unha alternativa máis sostible tanto económica como ambientalmente. 

SisAl Pilot representa un enfoque innovador e pioneiro que promove a «circularidade» a través dunha simbiose industrial entre os sectores do aluminio e o silicio, onde a industria do aluminio non só actúa como provedora de materia prima, senón tamén como usuaria final dos produtos da industria do silicio. Os resultados demostraron que este proceso é viable non só a pequena escala, senón tamén a nivel industrial. Ao longo do proxecto, validouse a calidade dos produtos xerados, o seu impacto ambiental, e avaliáronse parámetros económicos fundamentais para establecer as bases da súa futura comercialización.

Cada un dos socios presentou na xuntanza os avances alcanzados nos diferentes paquetes de traballo desde a última reunión en Sudáfrica. Durante este tempo, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que forma parte a USC, contribuíu esencialmente ao modelado e simulación numérica dos procesos que teñen lugar nos fornos industriais de Fundiciones Rey e ELKEM. De feito, SisAl Pilot alcanzou numerosos fitos importantes ao longo dos seus catro anos de actividade, entre os que destaca a produción de metal SisAl no forno rotativo de Fundiciones Rey en Vilagarcía de Arousa.

A mesa redonda organizada por Science|Business xunto coa oficina da NTNU en Bruxelas titulada ‘Critical Raw Materials and Circular Economy: A New Way Forward for Europe?’ reuniu especialistas de diversas áreas dos ámbitos político, industrial, académico e financeiro co propósito de debater como Europa pode mellorar a súa capacidade para acceder e xestionar materiais críticos como o silicio, asegurando ao mesmo tempo a súa competitividade nun marco de sostibilidade e protección ambiental. A discusión abordou como os logros do proxecto SisAl Pilot serven de exemplo para avanzar en tecnoloxías circulares e libres de carbono na produción de silicio, e como estes avances poden guiar a próxima fase estratéxica da política da Unión Europea.

Equipo 

Iniciado baixo o liderado de Alfredo Bermúdez, ao longo destes anos traballaron no proxecto, por parte do CITMAga, José Luis Ferrín, Pilar Salgado e Dolores Gómez, a súa actual coordinadora. Ademais, participaron como persoal contratado Jorge Albella, Branca García, Luis Pérez, Óscar Crego e Iván Martínez, xunto con Sebastián Bouzas á fronte da xestión. Tamén se contou coa participación de Javier Bullón, membro do Comité Asesor Industrial do CITMAga. O proxecto coordinado pola Norwegian University of Science and Technology, baixo a dirección de Gabriella Tranell e a xestión de Maria Wallin, contou coa participación de 22 socios, entre eles CITMAga, e empresas como Fundiciones Rey (España), ELKEM (Noruega) e Mintek (Sudáfrica).

Foto de familia do equipo
Foto de familia do equipo