‘Mentes Singulares’, o podcast deseñado e producido integramente no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS), arranca a súa segunda tempada cunha conversa profunda e interdisciplinar sobre a intelixencia artificial (IA), as súas implicacións éticas, sociais e humanas, e a preocupación crecente en torno ás súas potencialidades e riscos.
Neste primeiro episodio, o director científico do CiTIUS, Senén Barro, modera un novo debate no que participan dous invitados de excepción: Daniel Innerarity, profesor de Filosofía Política e investigador Ikerbasque na Universidade do País Vasco, e monseñor Francisco José Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela.
Neste encontro, titulado ‘Por que nos importa tanto a IA?’, desde a perspectiva da filosofía e unha dilatada traxectoria no estudo da democracia como forma de goberno, o profesor Daniel Innerarity quixo facer fincapé na cantidade de “enigmas apaixonantes” e asuntos en xogo que presenta a Intelixencia Artificial, que agora mesmo incluso “ten posto en cuestión ideas centrais sobre a intelixencia, a igualdade e a automatización humana”. O filósofo propuxo unha visión crítica e equilibrada que evite tanto o determinismo tecnolóxico como posturas alarmistas, subliñando a importancia de considerar a complementariedade entre humanos e máquinas.
Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, Monseñor Prieto, destacou a importancia que ten para a Igrexa Católica calquera desenvolvemento tecnolóxico, “pois nos interpela acerca de como pode axudarnos e como pode afectarnos; ao cabo segue sendo a pregunta ética sobre a persoa”. “Se a persoa deixa de ser protagonista implicando a súa liberdade, a súa creatividade e a súa responsabilidade, podemos ter resultados non queridos”, dixo.
Senén Barro advertiu tamén sobre aspectos críticos a miúdo ignorados no debate público, como a desinformación, o incremento das desigualdades e o que denominou “delegación cognitiva”, advertindo do perigo de que o ser humano perda as súas capacidades máis singulares ao cedelas inconscientemente ás máquinas.
O encontro serviu ademais para debater sobre temas cruciais de importancia global, como a automatización do emprego, a posibilidade de máquinas con conciencia propia, a delegación de decisións xudiciais en algoritmos e os límites éticos no uso da IA en áreas tan sensibles como a medicina, a relixión ou a xustiza.
Con esta nova entrega de ‘Mentes Singulares’, un formato concibido como videopodcast e distribuído tamén en formato audio a través das principais plataformas de audio-podcast, o CiTIUS reforza a súa aposta por xerar reflexións claras e accesibles sobre os desafíos e oportunidades que presenta a IA, fomentando un diálogo interdisciplinar que permita comprender mellor esta tecnoloxía e orientar o seu desenvolvemento cara ao servizo do ser humano e a sociedade.