Filoloxía celebra os seus 50 anos cun concerto conmemorativo, “acto de conciliación da música e a palabra”

Scripta manent, verba volant [Os escritos permanecen, as palabras voan]. Así reza o lema do concerto co que o vindeiro 26 de febreiro a Facultade de Filoloxía conmemorará os seus primeiros 50 anos de vida. A elección da data coincide coa da primeira xuntanza da Comisión Xestora deste centro, explicou o seu decano, Elias J. Torres Feijó, na presentación na que tamén interviñeron o coordinador do recital, Xurxo Souto, e a vicedecana, Elsa González. Este lema, igualmente, dá título ao himno do concerto, composto para a ocasión por Xurxo Souto sobre o poema de Luísa Villalta do libro Música reservada.

Pauliña, César Morán, Uxía, Eladio Santos, Alba María, Filólogos de Ataque Escampe (Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira, Álex Charlón), Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), Noemi Basanta, Xurxo Souto, Laura Lamontagne, Susana De Lorenzo, Leo De Matamá, Alfredo Dourado ou Antón Reixa, todas e todos ex estudantes do centro, son os nomes dos grupos e artistas que subirán ao escenario do Auditorio de Galicia o día 26 ás 19.00 horas.

O decano definiu a cita musical como un evento de “natureza singular” e único que adopta a forma dun encontro colectivo e dun “acto de conciliación da música e a palabra como forma de afirmar a evolución cultural”. No seu desenvolvemento converxen profesionais de catro xeracións da música galega a quen agradeceu a súa colaboración desinteresada e o seu “retorno á súa facultade para lembrarnos que as palabras que se escriben tamén voan”.

O propio desenvolvemento do acto coa implicación de ex estudantes da Facultade é tamén “un momento de homenaxe e agradecemento á xente que ten pasado polas aulas da USC” e “a todas as organizacións coas que habitualmente colaboramos”, engadiu Torres, subliñando o apoio do Concello de Santiago a través do Auditorio de Galicia. O decano tamén fixo extensivo o recoñecemento a toda a veciñanza da contorna, a quen trasladou o convite para participar deste acto festivo.

Pola súa banda, Xurxo Souto apelou á calidade do concerto como evento extraordinario tanto no ámbito musical como universitario, na medida en que nel se dá cita unha representación de 50 anos de creación musical a través de múltiples estilos. como indie, electrónica, clásica ou de cantautor, que atopan a súa expresión neste evento que terá tamén o acompañamento da Orquestra Bravú Xangai, igualmente implicada nos arranxos dos distintos temas a interpretar.

A asistencia ao concerto  é de balde, pero hai que retirar os billetes (máximo 2 por persoa) previamente no Punto de Atención, Información e Servizos (Conserxería) da propia Facultade de Filoloxía.