A maioría dos apelidos de Galicia teñen orixe en nomes de lugar (Piñeiro, Carballedo, Souto, Maceira, Caxade, Seixo, Castro, Vilar, Dopazo, Dacosta, Dafonte, Carreira, Coruña, Viaño, Ribeiro, Saiáns, Laxe, Quintas, Outeiro, Goiáns, Carrodéguas…), de persoa (Rodríguez, López, González, Estévez, Lois, Lourenzo, …) ou en nomes que reflicten características dalgún tipo (Louzao, Rubio, Rouco, Calvo, Mouriño, Pita…) ou oficios e cargos (Ferreiro, Taberneiro, Besteiro…). Dado que o corpus dos apelidos provén da Idade Media e que daquela en Galicia a lingua de uso maioritario era o galego, a gran maioría son galegos.
Mais a partir do século XVI o galego desapareceu como lingua dos documentos oficiais, substituído polo castelán. Dende daquela, algúns apelidos foron traducidos e outros alterados na ortografía ou na morfoloxía para facelos máis parecidos ao castelán. A Real Academia Galega (RAG) conta cun buscador cos 6.000 apelidos máis frecuentes en Galicia para poder comprobar se un apelido é galego e como se escribe correctamente.
Con este valioso recurso dispoñible, a comisión de normalización lingüística da Facultade de Filoloxía presentou este xoves un web que achega toda a información necesaria para restituír os apelidos á súa forma galega correcta, algo que dende o ano 2011 permite a Lei do rexistro civil pero que moita xente descoñece. Na presentación participaron o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; a vicedecana da Facultade, Elsa González Álvarez, e a catedrática e académica da RAG Ana Boullón.
Tal e como explicaron, calquera persoa inscrita no rexistro civil pode solicitar a adecuación dos seus apelidos ás particularidades lingüísticas do galego, “en calquera momento, de forma gratuíta, sen que sexa preciso alegar causa ningunha ou xustificar o uso habitual dese apelido na vida cotiá”.
Para animar á restauración correcta dos apelidos galegos, a comisión puxo en marcha unha campaña audiovisual na que tamén convida a todas as persoas a elaborar un pequeno vídeo no que contar a súa experiencia persoal nese proceso.
![O web presentouse nun acto público en Filoloxia O web presentouse nun acto público en Filoloxia](https://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_image/public/paragraphs/imaxe/2025-02/processed-60573fd4-056c-42e3-be84-1878f7a91e33.jpeg?itok=lUrNjPvj)