Lugo
Máis de medio cento de participantes inscribíronse na trixésima edición do Maratón Fotográfico da USC, un certame consolidado que cada ano se desenvolve no Campus de Lugo e que na súa última convocatoria rexistrou preto de corenta traballos a concurso. A obra ‘Eu’ de Faisury Zapata García obtivo o galardón Marcos Valcárcel á mellor fotografía do tema proposto pola organización que este ano centrouse na paisaxe lingüística. O premio conta cunha dotación de 350 euros, trofeo e diploma.
O Premio Eduardo Ochoa á mellor fotografía de tema libre, dotado con 300 euros, foi para Begoña Pérez López por ‘Artecan’, mentres que o voto do público recoñeceu o traballo de María Fátima Carbón González coa obra ‘Un domingo de Outono’, imaxe pola que recibiu 100 euros. A Biblioteca Intercentros do campus lucense acolleu na tarde deste luns 11 o acto de entrega dos galardóns e a inauguración da mostra relativa ao Maratón Fotográfico que poderá visitarse ata o 30 de xaneiro. Ademais, no marco desta iniciativa, elixiranse doce fotografías que formarán parte do calendario do ano 2025 de Lugo Cultural, que non teñen por que coincidir coas que integran a exposición.