Lugo, 10 de febreiro de 2025
O CIFP As Mercedes, de Lugo, realizou esta mañá unha videoconferencia coa Base Antártica Española (BAE) ‘Gabriel de Castilla’, ubicada na Illa Decepción, próxima á península antártica, na que se están a desenvolver diferentes proxectos científicos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou tamén nesta actividade, na que persoal do equipo militar e científico da base de investigación –unha das dúas que España ten na rexión da Antártida- explicou a historia da mesma e os diferentes proxectos nos que están a traballar. Ademais, compartiron cos estudantes as súas vivencias cotiás nun lugar tan afastado e cunhas condicións tan extremas.
O alumnado do CIFP As Mercedes, dependente do Goberno galego, amosouse moi interesado nas explicacións e tivo ademais a oportunidade de interactuar cos expertos formulándolles preguntas tanto de carácter científico como sobre as súas experiencias persoais na Base Antártica Española.
O Exército de Terra procedeu á instalación do refuxio ‘Gabriel de Castilla’ durante a terceira Campaña Antártica Española, a finais do ano 1989, e dez anos máis tarde converteuse en Base. Nela lévanse a cabo, entre outros, proxectos científicos relacionados coa vixilancia volcánica, xeoloxía, estudo dos pingüíns e outras aves mariñas ou cambio climático.
Iniciativas coma esta videoconferencia serven para fortalecer o vínculo entre a comunidade científica e o estudantado, promovendo ao mesmo tempo unha maior concienciación ambiental.