Lugo
Unha decena de estudantes do grao de Veterinaria da European University en Tbilisi (Xeorxia) atópase estes días na Facultade de Veterinaria para participar na Escola de Verán organizada dende o centro universitario lugués como unha modalidade de microcredencial. Co grupo vén tamén a reitora da universidade xeorxiana, que nestes días manterá diversas xuntanzas para explorar futuros acordos.
O curso, dunha semana de duración, ofrece ás persoas participantes formación clínica práctica comezando por rotacións no laboratorio de habilidades clínicas, seguido de formación no Hospital Veterinario Rof Codina, diagnóstico de laboratorio e traballo de campo na Granxa Gayoso Castro. En esencia, presenta unha visión actualizada dos avances na investigación veterinaria preparándoos para afrontar os retos da práctica e contribuír á investigación científica en áreas innovadoras.
Entre as tarefas a realizar neste curso práctico figuran técnicas cirúrxicas asistidas e coidados pre e posoperatorios, procedementos diagnósticos fundamentais, recoñecemento de lesións e enfermidades comúns, comprensión dos principios da xestión en produción leiteira aplicando técnicas de diagnóstico reprodutivo e estratexias de saúde do rabaño e coñecemento da investigación biomédica en peixes cebra.
