Este sábado despídese a décimo quinta promoción de ESTALMAT-Galicia

Santiago de Compostela

Este sábado 22 na Facultade de Matemáticas terá lugar unha xornada para despedir a décimo quinta promoción de Estalmat Galicia, un grupo que iniciou a súa andaina en 2022. Neste terceiro curso, denominado ESTALMAT-Pi, participaron 23 dos 30 estudantes que conformaron inicialmente a promoción.

O acto propiamente de clausura terá lugar ás 12.15 horas presidido pola secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella. Participan ademais a decana da Facultade de Matemáticas e presidenta de Estalmat-Galicia, Mª Elena Vázquez Cendón; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa; a responsable de Relacións e Actividades coas Familias do programa, Trinidad Pérez López, e a coordinadora académica de Estalmat-Galicia, Sandra Díaz Mouro. As familias presentarán un vídeo contendo lembranzas dos tres cursos da promoción no programa. Previo a este acto, o alumnado da promoción e as súas familias visitaron as instalacións do CESGA.

O programa Estalmat de estímulo do talento matemático, avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, conta co apoio da USC, da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, da Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e CASIO, que doou a cada estudante unha das súas calculadoras científicas ademais de organizar unha sesión explicativa sobre o seu manexo. Colabora tamén o Centro de Supercomputación de Galicia e o CITMAGA.  

O proxecto ESTALMAT-Galicia é desde o pasado ano unha das actividades da USC á que se dedican fondos desde o programa de mecenado SUMO Valor. Este programa está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, e de distintos centros de ensino secundario de Galicia, contando con profesorado das tres universidades galegas.
 

Orla da décimo quinta edición de Estalmat Pi
Orla da décimo quinta edición de Estalmat Pi