Especialistas dunha trintena de países debaten na UVigo sobre os avances en xeotecnoloxía ambiental e enxeñaría sostible

Durante tres días, Vigo convértese no epicetro mundial da xeotecnoloxía ambiental e a enxeñaría sostible. A Escola de Enxeñería Industrial acolle esta semana a celebración da sexta edición do Congreso Internacional EGRWSE-2025, que reúne máis de 200 especialistas procedentes de 31 países dos cinco continentes.

Esta é a primeira vez que este simposio se celebra en España e “ofrece unha plataforma única para explorar solucións innovadoras fronte ao cambio climático e avances en economía circular e prácticas de enxeñería sostible”, como explica o catedrático da UVigo Claudio Cameselle, responsable da organización xunto coa profesora Susana Gouveia, ambos pertencentes ao Grupo BiotecnIA. 

O 6th International Conference on Environmental Geotechnology, Recycled Waste Materials and Sustainable Engineering combina ciencia, sostibilidade e cultura para estreitar lazos entre investigadores de todo o mundo, xa que ao longo destas tres xornadas danse cita no campus 211 especialistas procedente de África, Europa, Oceanía, América e Asia, o que supón unha participación 2,5 veces superior a calquera edición anterior deste simposio, como destaca Cameselle. Ademais, na organización están implicados tamén a Universidade de Illinois en Chicago e o Instituto Nacional de Tecnoloxía de Jalandhar, na India.

Curso previo e apertura institucional

Aínda que o congreso arrancou hoxe no campus, onte mércores a sede da Zona Franca de Vigo acolleu un curso de especialización en sostibilidade e resiliencia destinado a profesorado e profesionais interesados na docencia, formación e aplicación destes conceptos no ámbito académico. Xusto antes do arranque do curso, tivo lugar o acto de apertura institucional coa presenza de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo; David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca; José Fariña, director da EE Industrial e  Claudio Cameselle e Susana Gouveia, organizadores do congreso.

A partir de hoxe xoves as actividades desenvolveranse integramente na Escola de Enxeñería Industrial. O derradeiro día resérvase para un percorrido técnico pola ría e as illas Cíes como exemplo de prácticas sostibles e resilientes.

184 comunicacións e 153 artigos completos

Na sesión de apertura deste xoves participaron Félix Quintero, vicerreitor da Planificación e Sostibilidade da UVigo; Cristina Trillo, subdirectora da Escola de Enxeñería Industrial; Claudio Cameselle e Susana Gouveia, organizadores do congreso e os profesores Krishna Reddy, da University of Illinois Chicago e A. K. Agnihotri, da NIT Jalandhar, India. 

O profesor Cameselle avanzou que ao longo destes tres días presentaranse 184 comunicacións (144 presentacións orais e 40 pósters) así como 153 artigos completos (8–10 páxinas), que serán publicados en tres volumes por Springer Nature. Ademais, o programa comprende numerosas actividades científicas, como unha charla divulgativa sobre publicacións científicas a cargo de Su Haki Merisi (Springer Nature).

Pola súa banda, Krishna Reddy salientou que este é un congreso único porque “permite compartir avances en áreas técnicas emerxentes como as xeotecnoloxías ambientais, o uso de materias reciclados e a enxeñaría sostible”, apostando sempre por unha “investigación ampla e multidisciplinar” e favorecendo o intercambio científico e profesional entre especialistas de diferentes partes do mundo. Reddy tamén avanzou no acto de apertura as sedes das dúas próximas edicións do congreso, que en 2026 se celebrará no National Institute of Technology, en Surat, India e en 2027 na Suranaree University of Technology, en Tailandia.

Precisamente, o profesor Krishna Reddy foi o encargado de impartir a conferencia inaugural do congreso, que abordou os problemas de inundacións urbanas e contaminación de augas pluviais ante o cambio climático, centrándose en achegar solucións sostibles e resilientes. Antes do comezo das sesións paralelas tamén tivo lugar a conferencia invitada, impartida por Ángel Antelo, de Agilent Technologies, sobre a cuantificación de substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas (PFAS) na auga segundo as últimas normativas da UE.

Aposta polas nova xeracións de investigadores e investigadoras

O simposio fai especial fincapé na participación de estudantes e profesionais novos. Neste sentido, Cameselle destaca que se convidou o alumando da EE Industria a asistir aos eventos científicos que sexan do seu interese, xa que “é unha excelente oportunidade para que coñezan de preto o mundo da investigación científica, guiados por profesores doutras universidades e países. A participación pode enriquecer a súa formación, axudalos a descubrir novas áreas de interese e potenciar as súas capacidades profesionais e académicas”. Cameselle aproveitou tamén para agradecer o apoio da UVigo e da EE Industrial, así como da Delegación de Estudantes da escola, pola súa participación activa na organización loxística e física do congreso e lembrou que o evento non tería sido posible sen o apoio do Concello de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e os patrocinadores.