Especialistas do Campus Terra reivindican no Día Mundial das Abellas a importancia da apicultura

Lugo

O 20 de maio está declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o Día Mundial das Abellas. Esta efeméride, que nace no ano 2017, lembra a necesidade de protección das abellas e de todos os insectos polinizadores, tendo en conta a importancia que teñen nos ecosistemas e a súa relevancia para a produción de alimentos. Con motivo desta efeméride, especialistas do Campus Terra da USC queren poñer en valor a importancia da apicultura en Galicia, eido cunha “grande relevancia histórica e presente”, explican Damián Copena Rodríguez e Mariam Ferreira Golpe. 

Dende as Nacións Unidas sinálase como os monocultivos, os pesticidas e o cambio climático supoñen problemas para as abellas e, por extensión, para os alimentos cultivados. Certamente, o manexo das abellas de mel polas persoas, a apicultura, permite obter diferentes produtos como o mel, a cera, o pole e o própole e favorece a polinización e a obtención de alimentos. 

A apicultura, que foi declarada recentemente polo Consello de Ministros como manifestación representativa do patrimonio inmaterial, conta en Galicia con moita relevancia histórica e presente. Deste xeito, no ano 2024 había no territorio galego máis de 223.000 colmeas en preto de 5.000 explotacións, “nunha actividade económica vinculada eminentemente co mundo rural e onde destacan algunhas áreas de montaña e media montaña”, engaden. 

A importancia histórica da apicultura en Galicia motivou a existencia de importantes elementos patrimoniais materiais e inmateriais vinculados coas abellas e coa apicultura fixista. Así, pódense salientar infraestruturas como as alvarizas, os lagares de cera, as eiras de cera ou as lacenas e todo o coñecemento asociado co que contan as persoas vinculadas con estas actividades.

Nos últimos anos téñense desenvolvido desde o Campus Terra da USC diferentes investigacións vinculadas coa apicultura. Deste xeito, téñense publicado traballos científicos e divulgativos realizados en perspectiva histórica sobre o cambio tecnolóxico, as colmeas, a industria apícola cereira ou as políticas públicas empregadas para a modernización apícola. Por exemplo, o recente traballo publicado en The Conversation sobre a modernización das colmeas  ou a investigación desenvolvida sobre Benigno Ledo, o Cura das abellas, na que se fai especial análise da iniciativa impulsada pola Deputación provincial de Lugo. Estas investigacións abren camiño para converter o Campus Terra nun espazo de referencia na investigación apícola, tanto desde o estudo da importancia histórica da actividade como para axudar a fortalecela no presente.

MHN

O Museo de Historia Natural da USC súmase tamén á conmemoración do Día Mundial das Abellas con actividades para todos os públicos co obxectivo de poñer en valor o papel esencial destes insectos e doutros polinizadores na saúde dos ecosistemas. Así, este martes 20 de maio, ás 18:30 horas, ten lugar a inauguración da exposición do I Concurso Apiarte nun acto amenizado con actuacións musicais do estudantado da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

A maior parte das actividades desta efeméride concentraranse o sábado 24, entre elas dous obradoiros sobre os polinizadores, a entrega de premios do I Concurso Apiarte e unha mostra e degustación de produtos das abellas. As actividades son de balde ata completar a capacidade do espazo. 

No programa colabora o Museo de Historia Natural da USC, o Concello de Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal, Divulgare – Universidade de Vigo, a Asociación de Amigos do Museo, a Escola Municipal de Música, Mulleres Abelleiras Galegas e a Asociación Cultural Vagalumes. O programa organízao Máisquemel.