“Protexer o océano de modo que siga a protexernos, cubrindo toda a súa extensión desde a costa ás profundidades do mar, require unha aproximación multidisciplinar e exercicio do gobernanza apropiada” afirma Gilles Lericolais, coordinador do grupo de traballo do European Marine Board que elaborou o informe ‘Navigating the Future VI’, no que participou a USC a través do director do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS), Carlos Pereira Dopazo.
O informe, no que tomou parte activamente e do que é coautor o profesor Pereira Dopazo xunto con outros 32 especialistas de dezaseis países, fai fincapé na importancia dos océanos para a supervivencia do planeta Terra, e propón liñas de investigación necesarias para reforzar o noso coñecemento sobre os ecosistemas mariños. Así mesmo revisa á luz dos traballos científicos máis recentes a función dos océanos no conxunto do ecosistema terrestre e pon en valor a importancia da investigación en ciencias mariñas para mellorar o benestar das persoas, afrontar os efectos do cambio climático, o uso da auga potable e a biodiversidade.
Para o futuro
Entre as recomendacións de accións que recolle ‘Navigating the Future VI’ figura a investigación específica do impacto de múltiples factores estresantes do ecosistema oceánico e dos seus habitantes; a necesidade de mobilizar investimentos privados para proxectos sustentables e non só de ‘lavado de imaxe’, así como o financiamento de investigacións sostido e a longo prazo.
Outras das recomendacións son realizar observacións continuas dos océanos que produzan datos abertos, accesibles e en formato dixital e a súa integración en xemelgos dixitais dos océanos para poder realizar simulacións; un aumento dos recursos técnicos e financeiros para cumprir cos requisitos de vixilancia; unha gobernanza con políticas harmonizadas, baseada en estándares e con control da conexión entre os océanos e as costas e a formación de persoal científico e lexislador para colaborar en tarefas interdisciplinares.
O European Marine Board é unha entidade independente e non gobernamental que representa máis de 10.000 persoas que investigan en ciencias mariñas en Europa, sendo considerado o principal grupo de reflexión europeo en política de ciencias mariñas, constituíndo unha plataforma para avanzar na investigación mariña e servindo como asesor na toma de decisións políticas na Unión Europea neste eido.